sábado, 22 de noviembre de 2025

SEMANA DA MÚSICA: VENTO METAL

      O 22 de novembro celébrase o día de Santa Icía, patroa da música. Desde hai varios anos, no colexio conmemoramos esta data organizando a Semana da Música coa finalidade de coñecer mellor un instrumento musical. 

 

     Esta é a décimo terceira convocatoria e xa pasaron pola biblioteca o piano, a guitarra, a familia do vento madeira, instrumentos tradicionais galegos... e, o ano pasado, a trompeta. 

    Para continuar coa familia do vento metal, nesta ocasión decidimos coñecer máis a tuba pero tamén puidemos escoitar a trompa e o bombardino.

    Durante toda a semana, os nenos e a nenas do colexio fixeron un traballo de investigación sobre o instrumento protagonista deste ano para poder superar os diferentes retos e preguntas que foron aparecendo na porta da biblioteca.


    Para completar a formación sobre estes instrumentos tivemos na biblioteca a Lucas Álvarez Abella, intérprete de tuba na Banda de Música de Sober e mestre no Conervatorio de Monforte, acompañado de Saúl que toca o bombardino e de Leonor que toca a trompa.


  Lucas explicounos moitas cousas sobre a tuba e os demais instrumentos de vento metal: que instrumentos forman parte da familia do vento metal, que diferencias hai entre eles, a súa historia... 


    Tamén aprendemos moito sobre como se produce o son e o mecanismo destes instrumentos escoitando incluso como varía o son movendo as válvulas que poden axudar á súa afinación.

      Ademais de todos os coñecementos teóricos puidemos escoitalos aos tres en directo como solistas e formando un trío.
 
 
      Para rematar, Lucas entregou os agasallos do certame de investigación entre os que había unhas claves de sol e unhas boquillas de tuba impresas en 3D que puidemos comprobar que realmente funcionaban.

     Se vós tamén queredes aprender moito sobre esta familia de instrumentos, podedes escoitar a entrevista que Saúl, Leonor e Xoán lle fixeron a Lucas en Radiuvín.
 
 
 MOITAS  GRAZAS  POR  ESTE  CONCERTO  DIDÁCTICO!!
 

FELIZ  DÍA  DE   SANTA  ICÍA!!
 
 

martes, 18 de noviembre de 2025

MASA NAI. CONTOS EN LILA

    Contos en lila é unha nova actividade do obradoiro Masa Nai organizado pola Asociación de Nais e Pais do noso colexio.

       Nesta ocasión, a actividade consistiu nun contacontocos a cargo de Cris de Caldas que nos veu a contar historias para reflexionar sobre o mundo que queremos construír: un mundo que non sexa azul nin rosa senón a mestura dos dous; un mundo lila con máis igualdade.

     Para a contada, Cris trouxo un montón de caixas máxicas nas que agochaba os seus contos con princesas valentes que non necesitaban ser salvadas, contos de princesas que non acaban en voda ou un neno que de tivo que aguantar tanto as ganas de chorar porque pensaba que os nenos non podían facelo, que cando chorou fixo unha inundación.

     Tamén houbo lugar para a participación do noso alumnado que se convertiu en protagonista do conto Os bonobos con lentes escrito por Adela Turín.


       Esperamos que estes contos axuden ás crianzas a entender que todos e todas somos iguais e temos os mesmos dereitos independentemente de que sexamos homes ou mulleres porque a igualdade e o respecto á diversidade, son valores fundamentais para a nosa sociedade que temos que aprender desde esta idade.

GALERÍA  DE  IMAXES

viernes, 14 de noviembre de 2025

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Enzo e Luka

      Hoxe estamos de dobre estrea nesta actividade. Por un lado, estreamos actividade porque é a primeira familia que vén a contar este ano e, por outro lado, é a primeira vez que se anima a participar a familia de Enzo e Luka. 

    Con Enzo e con Luka estiveron na biblioteca a súa tía María Elena e a súa nai, Mónica. Eles viñeron a lernos o libro El barco fantasma da colección Mili y los piratas, escrito por Sam Walshaw.


    Coa lectura deste libro coñecemos a Mili e aos seus amigos piratas que non lle teñen medo a nada, nin sequera ás fantasmas!!

   Así que cando escoitan falar do tesouro perdido da pirata Barba Rosa deciden ir a buscalo sen importarlle que puideran atoparse co seu espírito en forma de fantasma.

   Mentres os piratas organizaban a viaxe non se deron conta de que Magui, a irmá pequena de Mili, os estaba escoitando e cando soubo que irían a buscar o tesouro, díxolles que tamén quería ir porque xa crecera bastante como para acompañalos nas súas aventuras; pero eles non estaban dacordo e non a deixaron ir.

   Aínda así, Magui non se deu por vencida e decidiu levar a cabo o seu propio plan para colarse no barco e participar nesa aventura.

    Se queredes descubrir o plan de Magui e que pasou co tesouro e coa pantasma de Barba Rosa, teredes que escoitar o final do conto no podcast que gravaron nos nosos estudos de Radiuvín.


MOITAS   GRAZAS   POR   PARTICIPAR   NESTA   ACTIVIDADE!!

ESPERAMOS  QUE  ESTA  ESTREA  SEXA  A  PRIMEIRA  DE  MOITAS  VISITAS!!

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

jueves, 13 de noviembre de 2025

PROXECTO MASA NAI (III)

    Por terceiro ano a Asociación de Nais e Pais do colexio a través das axudas da Secretaría Xeral de Igualdade, organizou o proxecto Masa Nai para promover a coeducación.


    Para esta terceira parte a ANPA volveu a contar coa cooperativa Outonía o que permitiu unha continuidade efectiva do proxecto xa que desenvolveron o proxecto a partir do aprendido o ano pasado.


   Para levalo a cabo os cursos agrupados por ciclos asistiron aos obradoiros realizados na biblioteca  mergullándose nunha selección de contos e actividades que lles permitiron falar e reflexionar sobre a igualdade.

  Durante as actividades tamén fixeron un traballo de reflexión en torno á ruptura de estereotipos  de xénero e á sensibiblización e educación en favor da igualdade favorecendo o bo trato entre as crianzas, fomentando o pensamento crítico e previndo condutas machistas. 


    Esperamos que estas actividades nos axuden a construír un futuro no que non existan diferenzas derivadas da identidade de cada persoa.

 
MOITAS  GRAZAS  Á  ANPA  POR  VOLVER  A  ORGANIZAR  ESTA  ACTIVIDADE  TAN  INTERESANTE!! 
 

 

viernes, 7 de noviembre de 2025

MAGOSTO NO COLEXIO

 Os nenos e as nenas do colexio celebraron hoxe o magosto!!

   O día comezou na biblioteca onde os biblioaxudantes Laura e Hugo leron dous poemas relacionados con esta celebración.

   Laura púxolle voz ao poema "O ourizo" do libro Os soños na gaiola escrito por Manuel María e Hugo recitou o poema "O magosto" do libro Cantos de sol a sol de Xosé Neira Vilas.


  Pola tarde foi o momento de asar as castañas e comelas mentres nos divertimos xogando.

 

E lembrade:

"Son de cor chocolate

ábrense coa calor

e se as botas ao lume

estoupan con gran sabor" 


Podedes ver máis imaxes deste día no seguinte enlace:

MAGOSTO 2025 


OS BOLECHAS NO COLEXIO

   Este fin de semana celébranse en Sober as festas patronais que tiveran que aprazarse polos incendios de setembro. Dentro do programa das festas, o Concello de Sober convidou a Os Bolechas a vir ao colexio para pasar un rato divertido co noso alumnado que non parou de bailar e rir durante esta visita.


 
   Para seguir disfrutando destes personaxes, lembrade que podedes levar prestados todos os libros que temos na biblioteca sobre eles, dos que aquí deixamos unha mostra: 

MOITAS  GRAZAS  AO  CONCELLO  POR  ESTA  ACTIVIDADE!!

Podedes ver todas as imaxes dela no seguinte enlace:

GALERÍA  DE  IMAXES

 

lunes, 3 de noviembre de 2025

ACTIVIDADES DE SAMAÍN EN INFANTIL

     A finais de outubro chega unha festividade que lles gusta moito ás crianzas: o Samaín! E como sempre, fixemos varias actividades relacionadas con esta época do ano.  

    Comezamos coa lectura do conto   A pantasma colorida  de Gema García e Rocío Pedreira.

    Esta historia fala do que ocorre no país das pantasmas onde todas se esforzan por manter as súas sabas limpas e brancas. Mais unha pequena pantasma moi especial vese tentada a achegarse ás fermosas flores de cores que todas as demais miran dende lonxe con temor. Poderá resistirse a elas? Será capaz de non manchar a súa saba branca entre tantas cores? 
 
    Finalmente non puido resistirse e manchou a súa saba polo que tivo que marchar do país; pero non estedes tristes por ela porque nesta viaxe atopou a alguén que a axudou convertendo a súa saba nunha obra de arte chea de moitísimas cores.
 
     Como aos nenos e as nenas tamén lles encantan as cores, fixemos unhas estampacións dalgúns personaxes típicos do samaín: unha pantasma, un morcego e un gato, empregando papel de aluminio e témperas.

    

 Ademais tamén fixeron unhas simpáticas arañas empregando limpiapipas, tapóns de bebibles e olliños móviles.
Mirade que como de terroríficamente adorables quedaron as nosas arañas de Samaín!!