sábado, 22 de noviembre de 2025

SEMANA DA MÚSICA: VENTO METAL

      O 22 de novembro celébrase o día de Santa Icía, patroa da música. Desde hai varios anos, no colexio conmemoramos esta data organizando a Semana da Música coa finalidade de coñecer mellor un instrumento musical. 

 

     Esta é a décimo terceira convocatoria e xa pasaron pola biblioteca o piano, a guitarra, a familia do vento madeira, instrumentos tradicionais galegos... e, o ano pasado, a trompeta. 

    Para continuar coa familia do vento metal, nesta ocasión decidimos coñecer máis a tuba pero tamén puidemos escoitar a trompa e o bombardino.

    Durante toda a semana, os nenos e a nenas do colexio fixeron un traballo de investigación sobre o instrumento protagonista deste ano para poder superar os diferentes retos e preguntas que foron aparecendo na porta da biblioteca.


    Para completar a formación sobre estes instrumentos tivemos na biblioteca a Lucas Álvarez Abella, intérprete de tuba na Banda de Música de Sober e mestre no Conervatorio de Monforte, acompañado de Saúl que toca o bombardino e de Leonor que toca a trompa.


  Lucas explicounos moitas cousas sobre a tuba e os demais instrumentos de vento metal: que instrumentos forman parte da familia do vento metal, que diferencias hai entre eles, a súa historia... 


    Tamén aprendemos moito sobre como se produce o son e o mecanismo destes instrumentos escoitando incluso como varía o son movendo as válvulas que poden axudar á súa afinación.

      Ademais de todos os coñecementos teóricos puidemos escoitalos aos tres en directo como solistas e formando un trío.
 
 
      Para rematar, Lucas entregou os agasallos do certame de investigación entre os que había unhas claves de sol e unhas boquillas de tuba impresas en 3D que puidemos comprobar que realmente funcionaban.

     Se vós tamén queredes aprender moito sobre esta familia de instrumentos, podedes escoitar a entrevista que Saúl, Leonor e Xoán lle fixeron a Lucas en Radiuvín.
 
 
 MOITAS  GRAZAS  POR  ESTE  CONCERTO  DIDÁCTICO!!
 

FELIZ  DÍA  DE   SANTA  ICÍA!!
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario