"Comezo a ver nenos e nenas fartos de televisión e aburridos cos xogos informáticos que se illan cun libro e se deixan levar pola historia narrada... porque non hai un espectáculo máis fermoso que a mirada dun neno que le".
G. Grass
Remata o curso e con el remata a primeira edición do proxecto radiofónico Coñecendo os nosos concellos.
Se recordades, na nosa última emisión, preguntámoslles que deberiamos visitar se íamos á Pobra. Pois ben, esta vez en vez de contestarnos cun novo programa, a resposta foi... unha invitación!
Por suposto, despois de levar moitos meses escoitando a través das ondas tantas cousas de A Pobra,
xa tiñamos ganas de visitar o concello e de coñecer en persoa aos
locutores que lle poñían voz aos seus programas; así que entre os dous centros organizamos unha xornada de convivencia
Para o alumnado de 3º a 6º tíñannos preparada unha visita ao Castro de San Lourenzo guiada polo arqueólogo Xosé Gago.
Nesta visita Xosé contounos a historia do Castro, datos sobre a vida neste poboado, lendas relacionadas... pero tamén na voz dalgúns alumnos de A Pobra coñecemos a historia de San Lourenzo.
A actividade continuou cunha parte máis práctica na que o alumnado tivo que escavar varias tumbas e recoller e analizar os obxectos atopados nelas para descubrir que personaxes históricos de A Pobra estaban alí soterrados.
Para rematar puidemos escoitar aos pequenos guímaros brindar unhas coplas improvisadas para nós.
E mentres os maiores facían todo isto, o alumnado de infantil, 1º e 2º de Primaria asisitía a unha sesión de Contacontos e desfrutaba dun tempo de xogos no parque.
Despois xa todos xuntos, compartimos a comida e un rato de lecer no colexio anfitrión.
Como sabedes, a nosa alumna Mara López Rivera foi a gañadora do concurso SELFIE LIX na categoría de Lectores avanzados cun selfie que ilustraba un anaco do libro O soño do merlo blancode Agustín Fernández Paz.
Foto GÁLIX
Para recoller o premio convocado pola OEPLI a través de GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), achegáronse ao Centro Sociocultural Aurelio Aguire de Conxo ela coa súa familia e a responsable da nosa biblioteca.
O presindente de GÁLIX (X. A. Perozo), o Director Xeral de Políticas Culturais (Anxo M. Lourenzo) e o alcalde de Santiago (Mariño Noriega) foron os encargados de entregar os premios aos rapaces premiados e aos representantes de bibliotecas.
Foto GÁLIX
A responsable da nosa biblioteca, Flora Grande, foi a encargada de pechar o acto en nome das bibliotecas premiadas, xunto co alcalde de Santiago e o grupo de pandereteiras do Centro Sociocultural.
Desta entrega de premios trouxemos tamén diplomas para o resto do alumnado participante e un lote de libros que pasará a formar parte dos fondos da biblioteca.
Xunto con otras nove bibliotecas de colexio galegos, o equipo de Biblioaxudantes do noso centro foi seleccionado na convocatoria de VOLUNTARIADO DE LECTURA-A para o curso 2018/19 na que se lle recoñece o traballo de colaboración que veñen desempeñando os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria nas bibliotecas escolares de forma voluntaria en actividades de xestión, organización e lecturas compartidas dentro do centro.
Por esta selección, recibimos no centro un obradoiro sobre E-textiles da man de Paola Guimerans. Os E-téxtiles , coñecidos como wearables, téxtiles intelixentes, electrónica vestible DIY ou soft circuits, aínda que son pouco coñecidos, forman parte da educación innovadora do século XXI.
Primeiro Paola achegounos ao mundo dos E-textiles ou textiles
electrónicos, explicándolles aos nosos alumnos que son teas nas que se integran elementos eléctricos ou eletrónicos como microcontroladores, sensores, baterías.. que permiten que a roupa reaccione, envíe información ou interactúe co entorno.
Unha vez que sabiamos o que íamos a facer, comezamos o obradoiro. Cada biblioaxudante contaba cun kit para elaborar o seu e-textil consitente nun portabaterías impreso coa 3D (https://www.thingiverse.com/thing:2663569 by enauman) previamente preparado como podedes ver no vídeo, tea, fieltro, pila 3V, led, pinzas cocodrilo, agulla e fío condutor.
Para comezar familiarizámonos co led recoñecendo das súas patiñas cal é a positiva (a larga) e cal a negativa (a corta) para conseguir acendelo uníndoo co lado correcto do portabaterías: primeiro paso para que se acenda.
Despois chegou a parte de... COSER!! E a psicomotricidade resultoulles bastente difícil!!
A primeira costura debía unir a parte positiva do Led coa parte positiva do portabaterías seguindo o esquema. Despois de cosido, comprobamos coas pinzas de cocodrilo que as conexións están ben feitas.
As seguintes costuras debían unir a parte negativa do led coa negativa do portabaterías; pero para fabricar un interruptor que acenda o led cando nos queiramos, en vez de facelo directamente utilizamos o fío condutor para levar a electricidade ata as dúas extremidades.
A continuación unimos as extremidades ao corpo principal utilizando cinta adhesiva de cobre.
Despois cubrímolas con papel de aluminio de xeito que toda superficie conduza a electricidade, así cando unamos as extremidades pechamos o circuíto da parte negativa. Con isto xa teríamos o noso interruptor feito para poder acender ou apagar o led segundo as extremidades estean pechadas ou abertas respectivamente.
Rematamos cubrindo a parte central do noso boneco cunha tea decorada para que ao pechar as extremidades non fagan contacto cos fíos cosidos nesa parte.
Agora só queda pechar as extremidades e que se acenda o led!!
No tempo que nos quedou, os biblioaxudantes esribiron mini relatos nos que os protagonistas eran as súas novas creacións. Aquí vos deixamos algúns exemplos:
Érase unha vez un peixe moi torpe ao que de repente un día se lle volveu o nariz verde.
- Por que sería? - preguntábase o peixe sen parar.
El
estaba moi preocupado sobre todo porque os seus amigos se rían del;
pero un día que estaban xogando fíxose noite e perdéronse...
menos mal que puideron atopar o camiño de volta coa luz verde do seu nariz!
Desde entón ninguén volveu a rirse del.
Un día pola mañá cedo, Bob Esponja ía a traballar tan contento coma sempre.
Ía tan, pero tan contento que non se decatou de que había unha pedra no seu camiño e...
que credes que pasou?
Pois que tropezou e caeu!! - Aiiiiiiii, que dolor!!!! - berraba sen parar. Ata dicía que vía as estrelas!
Fíxose tanto dano no nariz que lle quedou vermello por un bo rato!
Érase unha vez unha nena moi diferente da que todos se burlaban porque tiña ás e un nariz luminoso. Pero ela estaba feliz coas súas ás e co seu nariz e nunca lles seguía o roio, realmente lle daba igual o que os demais dicían. Aínda así un día, decidiu inventar unha historia fantástica para que a deixaran en paz. Díxolles que tiña ás porque era filla dunha fada e que o nariz era luminoso porque de pequena a súa nai se confundira e en vez de darlle leite no biberón metera sin querer unha poción máxica. Xa podedes imaxinar que nunca xamais se volveron a meter con ela; non fose a ser que a súa nai aparecera por alí enfadada.