miércoles, 4 de enero de 2023

POSTAIS DE NADAL

      O día 4 de xaneiro entregáronse os Premios do Certame de Nadal da Biblioteca Pública Municipal de Sober, un certame no que sempre participamos enviando as postais de Nadal que o noso alumnado fai no colexio.

    O alumnado de educación infantil fixo unhas postais cunha coroa de Nadal decorada con bolas de plastilina de cor vermello e uns lazos impresos en 3D  (by Colorme3D)

 

   O alumnado de Primaria fixo diferentes modelos: con estrelas deseñadas en tinkercad, con folerpas de neve (by amidata), con rolos de papel hixiénico...

 

   Ademais de darlle ambiente de Nadal á biblioteca, as postais estiveron expostas na Casa da Cultura do Concello durante todas as vacacións participando no Certame de Nadal. Por esta participación, a Biblioteca Pública Municipal agasoullos cun diploma e un vale para A Libraría da Proencia co que mercaremos algúns fondos novos para a biblioteca.


jueves, 22 de diciembre de 2022

RECOMENDACIÓNS LECTORAS NADAL - 2022

 

 

RECOMENDACIÓNS  PDF

 

FELICITACIÓN DE NADAL - 2022

    Cos nosos mellores desexos para estas festas, o Equipo de Biblioteca e toda a Comunidade Educativa do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme; elaboramos unha felicitación coa panxoliña  O MEU AGASALLO  ES TI   de Plan Siberia.

   Nesta panxoliña seguimos traballando por unha biblioteca e unha sociedade inclusiva; por iso, ademais das imaxes dos/das participantes engadimos a letra e pictogramas.
 
   Esperamos que vos guste tanto vela como a nós gravala porque a verdade é que o pasamos xenial!!
 
FELIZ  2023  E  BO NADAL!!! 
 
 
 

viernes, 16 de diciembre de 2022

ADORNOS PARA A ÁRBORE DE NADAL

     Cada ano gústanos facer algo novo para a nosa árbore de Nadal e cada ano queremos que estes adornos estén relacionados coa creatividade e a reciclaxe ou reutilización; os de este Nadal están feitos con diversos materiais.

    O alumnado de infantil utilizou tiras de rolos de papel hixiénico pintadas e goma eva para facer uns adornos con forma esférica.

Os nenos e nenas de 1º de Primaria utilizaron goma eva para facer uns lazos moi fermosos.


O curso de 2º de primaria reutilizou CD's para facer uns adornos cuns simpáticos renos.

En 3º de primaria tamén utilizaron rolos de papel hixiénico pintados pero eles cortaron cilindros aos que lle deron forma puntiaguda para despois unilos e facer unha estrela.

As botellas de plástico foron as utilizadas polo alumnado de 4º de primaria. Se vos gustan estes agasallos tedes que facer como eles: cortar as botellas e utilizar a parte inferior das mesmas pintándoas con tonos azuis, brancos e dourados.

Para rematar, os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria fixeron uns mini gorros de la tomando como base un cilindro dun rolo de papel hixiénico. Sobre estes cilindros tiveron que ir facendo nós con tiras de la de diferentes cores para que quedaran estes gorros tan bonitos. Se queredes saber como se fan podedes ver o titorial.

  Con todos estes adornos rematados, xa só quedaba colgalos na árbore e desfrutar dela durante o tempo de Nadal.

 


VIAXANDO POLAS LETRAS (4/2022-2023)

   Hoxe celebramos a última sesión do club de letras dedicada ao libro Galegas na ciencia escrito por Isabel Blanco e ilustrado por María Lapido.

    Nesta sesión contamos coa presenza dos compoñentes de Polo Correo do Vento cos que ampliamos a información sobre unha das mulleres do libro da que xa falaramos na sesión anterior: Ángeles Alvariño, a primeira oceanógrafa galega.

    Carlos Taboada e Enrique Mauricio escribiron un libro ilustrado sobre esta cientíFica titulado Un Ronsel de Ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, que é o primeiro da colección "Mulleres Galegas" e por iso saben tantas cousas sobre ela.

    Durante a primeira parte do obradoiro, coa contada de Quique soubemos que descubriu 22 especies diferentes de placton mariño, que foi a primeira muller a bordo dun buque inglés, como vivía, como facía para investigar e fotografar as especies que atopaba tendo en contan que non había móbiles nin internet, a importancia das súas investigacións... e todo mentres Carlos Taboada facía un mural - ilustración sobre ela.

    Coa segunda parte da actividade, cada membro do club fixo a súa propia caricatura de Ángeles Alvariño seguindo as indicacións que nos ían dando. E como pensades que quedaron? Pois quedaron unhas caricaturas moi chulas!!



 

   Para rematar, Carlos e Quique estiveron nas instalacións de Radiuvín para falar con Lola e Darío desta científica pero tamén sobre a súa experiencia como autores e como divulgadores.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  PASAR  ESTE  RATIÑO  CON  NÓS,

FOI  UNHA  SESIÓN  MOI  INTERESANTE  E  AMENA!!

 GALERÍA  DE  IMAXES

martes, 13 de diciembre de 2022

VIAXANDO POLAS LETRAS (3/2022-2023)

    Hoxe celebramos a terceira sesión do noso club de letras Viaxando polas letras.

   Nesta sesión terminamos de coñecer ás mulleres protagonistas do libro Galegas na ciencia escrito por Isabel Blanco e ilustrado por María Lapido coas exposicións preparadas polos membros do club.

      Dunia e Julia presentáronnos a Ángeles Alvariño, como oceanógrafa é a primeira muller que realiza unha expedición científica a bordo dun barco británico.

    Lola e Carlota faláronnos de Luisa Marcos, a primeira catedrática de Física, Química e Termotecnia nas Escolas de Peritos Industriais españolas.

  Coa exposición de Javier coñecemos a María Josefa Wonenburger, gran matemática e a primeira muller española en recibir unha bolsa Fullbright.

 Yanira e Clarisse investigaron sobre Luisa Pérez - Soba, a primeira enxeñeira agrónoma galega.

  Lucas e Gissela tiñan que falarnos de María Tarsy Carballas, pioneira na investigación dos efectos dos lumes forestais (edafóloga).

  Susana e Germán déronnos a coñecer a María Pilar Fernández, farmacéutica, fisióloga e gran investigadora sobre o funcionamento dos órganos e tecidos dos seres vivos.

  Mencía e Iria presentaron a María Teresa Miras, esta muller neuroquímica foi a primeira en presidir unha Real Academia en España, concretamente a Real Academia Nacional de Farmacia.

 Para rematar con Flora coñecemos a Ana María Prieto Lopez, a primeira programadora galega.

  Esta foi unha sesión moi didáctica coa que rematamos de falar sobre as mulleres que compoñen o libro que estamos lendo; pero aínda nos queda unha sesión cunha actividade final sorpresa...