viernes, 17 de enero de 2025

CLUB DE LECTURA (5 - 2024/25)

 Hoxe rematamos a lectura do relato Penca de Prata escrito por Arthur Conan Doyle.

   Este caso tivo unha resolución insospeitada xa que ninguén pensaba que ao final, o culpable de todo o que pasara era a propia vítima e que o asasino fora Penca de Prata.


   Tampouco que Penca de Prata correría e gañaría a carreira tinguido de cor castaña para que ninguén o recoñecese. 

 
    A verdade é que este libro foi moi sorprendente aínda que aos membros do club, en xeral, lles resultou difícil de comprender tanto polo libro en si como polo tipo de texto xa que era a primeira vez que lían un libro no que a dedución fora tan importante; pero esa é unha das finalidades do club de lectura: ler libros que doutra maneira nunca lerían!

   Para rematar, fixemos un obradoiro de sombreiros para asistir á Royal Ascot de Londres.





Aquí tedes aos membros do club coas flamantes gañadoras da carreira!!
 
 
 


viernes, 10 de enero de 2025

VISITA DA NOSA ASESORA DE BIBLIOTECAS ESCOLRES

    En decembro tivemos a visita de Alexandra, a nosa asesora de bibliotecas escolares. Ela estivo cos alumnos e alumnas voluntarios da biblioteca que lle explicaron todo o que fan nela e as razóns polas que lles gusta tanto ser biblioaxudantes.



    Despois Alexandra agasallounos cunhas mochilas do Proxecto Bibliotecas Escolares Solidarias no que se encadra o programa de voluntariado de Primaria.

      Esta visita tamén foi publicada no facebook da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia.

 MOITAS  GRAZAS  POR  ESTA  VISITA!!

 

jueves, 9 de enero de 2025

OBRADOIRO RADIO NA BIBLIO CON ARTUR TRILLO

   Desde hai sete cursos participamos no Proxecto Radio na biblio destinado a centros que forman parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) e grazas a este proxecto contamos cun orzamento específico para facer obradoiros de formación que repercuten na formación do noso alumnado.

    Nesta ocasión o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria recibiu a súa formación da man do actor, director e autor teatral Artur Trillo co que realizaron o obradoiro "Todo se pode contar con teatro".

 
   Durante as actividades feitas neste obradoiro (lecturas, chistes, improvisacións...) deulles varias claves para realizar unha boa lectura que lles permita explorar as distintas posibilidades da expresión oral a través das distintas formas de ler e interpretar:

  - ACTITUDE: a actitude é primordial e principal para transmitir, temos que ter ganas de facelo e ser conscientes do que queremos transmitir.

- RESPIRACIÓN: debemos respirar mentres lemos tal como facemos cando falamos. Na lectura non deberían notarse pausas artificiais senon que deberían ser o máis naturais posibles.

- RITMO: cada lectura e cada tipo de texto ten o seu propio ritmo; por exemplo, se falamos moi rápido coa finalidade de rematar pronto podemos transmitir o que non queremos ou sensacións de ansiedade ou estrés. Ademais o ritmo é importante porque nos axuda crear expectativas.

- PALABRAS: a forma de dicir as palabras comunica tanto como a propia palabra; por iso hai que escoller ben as palabras que se van a utilizar e disfrutar de dicilas con todas as súas letras (r, z, v...)

 

- PROXECCIÓN: a proxección, a intensidade e o volume inflúen no proceso de comunicación. Cando queremos comunicar temos que darlle a proxección adecuada "falar en negrita".

- O PROPIO CORPO: aínda que o noso corpo non se vexa a través da radio temos que utilizalo para apoiar o que dicimos e que a mensaxe sexa máis crible.

   Esperamos que o noso alumnado saque moito partido destas ensinanzas... teredes que escoitar atentamente os nosos próximos podcast para comprobar o éxito do obradoiro!!

GALERÍA  DE  IMAXES

viernes, 3 de enero de 2025

POSTAIS E AGASALLOS DE NADAL

   Para as postais e os agasallos de Nadal deste ano, o alumnado de primaria do colexio estivo argallando coa impresora 3D e o programa Doodle 3D co que elaboraron os seus propios deseños.


    Fixeron fermosos bonecos de neve (con ou sen neve), agasallos con lazos de corazón, galletas de xenxibre e bólas para a árbore de Nadal.







   Ademais de deseñar estes obxectos foron quen de adaptalos par utilizalos nas postais de Nadal. Tamén usaron uns lazos que descargamos de thingiverse (by Colorme3D)





  Despois presentamos estas postais ao certame de postais do Concello de Sober xunto coas do alumnado do Infantil que fixo as súas utilizando as pegadas das súas mans.

   Por esta participación no certame, o Concello agasallounos cun diploma e un par de xogos novos para a nosa biblioteca.


FELIZ  NADAL  A  TODOS!!

GALERÍA  DE  IMAXES

jueves, 19 de diciembre de 2024

CARTAS DESDE A RÍA - Nadal 2024

   Este curso retomamos o proxecto Cartas dende a ría co CEIP de Seara (Moaña) que comezamos o ano pasado.

  E comezamos intercambiándonos postais de Nadal cheas de bos desexos para esta época do ano e para o próximo ano 2025.


   Coma noutras ocasións, recibir esta correspondencia dos nosos amigos e amigas de Moaña fíxonos moita ilusión!

 




MOITAS  GRAZAS  POLAS  VOSAS  POSTAIS!!