O noso centro foi proposto pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para formar parte do programa Radio Voz Escolar que xorde da colaboración entre a Consellería e Radio Voz. Unha experiencia piloto dirixida a 40 centros integrados no programa Radio na biblio.
Esta colaboración enmárcase dentro do Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe) que ten como unha das súas liñas principais a educación mediática e informacional polo que se persegue "reforzar os programas de alfabetización mediática e informacional do alumnado, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos"
Para isto achegáronse ao centro Antía Díaz Leal (Xefa de Programas e informativos de Radio Voz) e Sonia Rodríguez (Técnica responsable de son). A primeira parte da actividade consistiu nunha charla na biblioteca na que Antía lles falou do seu traballo como locutora, redactora e produtora e da radio en xeral. Tamén lles deu consellos sobre a elaboración de guións e a gravación de programas.
A segunda parte da actividade realizouse nos estudos de Radiuvín onde gravaron en falso directo un programa sobre o Día do Libro que se emitirá a través da frecuencia de Radio Voz o próximo xoves día 27 de abril e despois estará dispoñible na súa web. Durante esta parte da actividade foi Sonia Rodríguez a que lles ensinou a utilizar todo o que ten que ver coa parte técnica da gravación.
Moitas grazas a Radio Voz e á Consellería por contar con nós para esta experiencia!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario