Un ano máis seguimos participando no Proxecto Radio na biblio destinado a centros que forman parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares), e esta participación permítenos contar con formación no centro para o noso alumnado.
Nesta ocasión volvemos a contar coa presenza de Damián Alonso a través da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!.
O obradoiro constou de tres partes: comezamos coa parte técnica centrándonos na aprendizaxe do programa de gravación e edición de audio Audacity: importar, cortar, aumentar ou reducir volume, modificar o tempo, a velocidade, o ton, engadir silencios, traballar con dúas pistas de audio, gardar proxecto, exportar...
Despois chegou a parte da locución tendo en conta aspectos como a transmisión da mensaxe (velocidade, ton e intensidade), os signos de puntuación, os tipos de locucións... E tamén fixemos exercicios de vocalización, de lectura avanzada, trabalinguas...
Para rematar elaboramos entre todos un programa de radio divididos por parellas, de xeito que cada parella podía falar do que quixera: deportes, gustos, actividades no tempo libre... pero para iso, tiñan que elaborar o guión da súa intervención tendo en conta todo o aprendido: frases curtas, linguaxe sinxela, poucos tecnicimos...
Unha vez que tiveron o guión elaborado, foron pasando polos estudios de radio que Damián instalou na biblioteca de xeito que todos fixeron de locutores e de técnicos de son encargándose da mesa de mesturas e da gravación.
Moitas grazas a Ponte...nas ondas! e a Damián Alonso por este obradoiro tan completo e divertido. Seguro que lle sacaremos moito proveito!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario