Por terceiro ano colaboramos coa Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense. Nesta ocasión a colaboración fíxose dento do Prácticum. Obradoiros de iniciación á práctica profesional destinado ao alumnado dos Graos de Educación Infantil e Educación Primaria coa finalidade de coñecer a realidade do noso centro educativo.
Para o desenvolvemento da actividade, xs universitarios dividíronse en varios grupos guiados por biblioaxudantes que pasaron por 5 puntos diferentes do noso colexio: a biblioteca, o espazo croma, a radio e as aulas de Ed. Infantil e Ed. Primaria.
Na biblioteca, xs biblioaxudantes tiñan preparada unha intervención sobre a organización da nosa biblioteca (Lectuvín, a CDU, espazo creativo...), as actividades que facemos, o seu labor como biblioaxudantes e todos os recursos e materiais que se poden atopar nela.
No espazo audiovisual do croma, tres biblioaxudantes explicáronlles como se utiliza esta técnica e as súas aplicacións didácticas: pero non só de forma teórica xa que puideron facerse varias fotografías e gravar algúns vídeos.
A continuación coñeceron os nosos estudos radiofónicos de Radiuvín, onde outro grupo de biblioaxudantes recibiron aos futuros mestres e mestras para explicarlles como se grava, como funciona o programa editor de audio e ata lles fixeron unha pequena entrevista.
Na visita ás aulas de Ed. Infantil e Ed. Primaria puideron coñecer ás nosas crianzas e a diferente metodoloxía de traballo que se leva a cabo nas aulas mixtas, nas que convive o alumnado de dous cursos diferentes, e nas aulas simples.
E para rematar, o alumnado da facultade participou nunha mesa redonda coa directora do centro e o noso alumnado na que puxeron en común impresións, inquedanzas, dúbidas, ideas...
MOITAS GRAZAS POR VIR A COMPARTIR CON NÓS ESTA MAÑÁ,
ESPERAMOS QUE VOS GUSTARA A VISITA!!