miércoles, 19 de febrero de 2020

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Erea

    A actividade As familias contan estivo de estrea pois por primeira vez viñeron a contar Erea e a súa nai Silvia.
 
   Elas compartiron con nós o libro Cocorico de Marisa Núñez que conta a historia dun pitiño que se ofrece a ir por leña para acender o forno e que a súa nai poida facer un biscoito.
   O problema xorde cando aparece Gato Pelado, un gato malvado que quere comelo dun bocado;
que trato pensades que lle ofrece o pitiño para salvarse? 
E o máis importante...será quen de cumprilo?
    Nós xa sabemos o final do conto porque Silvia e Erea nolo contaron de marabilla!

   Se vós tamén queredes sabelo podedes escoitalas ás dúas na seguinte emisión de Radiuvín.

  Pero Cocorico non foi o único conto que nos leron, tamén nos leron A que sabe a Lúa? de Michael Grejniec.

   E viñeron cargadas cuns biscoitos para compartir con todos os nenos e nenas do colexio dos que como podedes ver só quedaron as migas!

 MOITAS  GRAZAS  POR  UNIRVOS  AS  FAMILIAS
QUE  FORMAN  PARTE  DESTA  ACTIVIDADE!!

jueves, 13 de febrero de 2020

LECTUVÍN DE PÉ

     Ata o de agora cando alguén viña de visita á nosa biblioteca a compartir algo con nós, levaba como recordo unha réplica da nosa mascota Lectuvín impresa en 3D coa nosa impresora.

  Este ano quixemos dar un pasiño máis para acadar que Lectuvín se puxese de pé e deseñamos en tinkercad un agasallo diferente: un Lectuvín erguido sobre unha peana!
 https://www.tinkercad.com/things/3dCMnJO2Dh7-lectuvin-de-pie

   Para imprimir este novo modelo eran necesarios moitos soportes e iso foi algo que chamou a atención do noso alumnado. Na seguinte imaxe podedes ver o paso a paso desde a impresora ata o resultado final.


miércoles, 12 de febrero de 2020

DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA: VISITA DE TAMARA ARIAS

     O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia
 
   Con este día, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas pretende visibilizar "o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia".

   Desde o colexio quixemos sumarnos a esta iniciativa e por iso estivo con nós Tamara Arias Sáez, ex-alumna do centro e médica no hospital de Ourense.

   Ela falounos da medicina que é a ciencia dedicada ao estudo da vida, da saúde, das enfermidades e da morte do ser humano.

   Tamén nos falou do método científico, explicándonos que as investigacións xorden cunha pregunta que nos facemos sobre unha inquedanza e a partir de ahí a través da observación, medición, probas, experimentos... podemos chegar ou non á solución da pregunta.

   Ademais contounos o conto "El sueño mágico de Shaman" co que quixo facer fincapé na  orixe dos medicamentos e a importancia da investigación para o seu descubremento: de onde xurden? por que sabemos que curan? como chegan á nosa casa?
  
  Para rematar, Tamara pasou polos nosos estudos de radio onde Pilar, Lucía e Xoán lle fixeron unha entrevista que podedes escoitar a continuación para saber moitas máis cousas sobre ela e a súa profesión.
 


   MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  COMPARTIR
CON  NÓS  ESTE  DÍA!!

GALERÍA  DE  IMAXES

viernes, 31 de enero de 2020

COÑECENDO OS NOSOS CONCELLOS: PROENDOS

   Este venres achegámonos a Proendos acompañados por Paula Vázquez Verao e Alfonso Campos, a nai e o pai Estrela, a nosa compañeira de Educación Infantil .



    Con esta saída didáctica quixemos coñecer os vestixios históricos que existen nesta parroquia e documentarnos para o programa Coñecendo os nosos concellos.

    Os restos máis antigos que vimos foron os petróglifos que son gravados en rochas  que se conservan desde a Prehistoria. Aínda que non foi o único, o máis grande que vimos foi o Petróglifo do Xestal que se atopa dentro dunha finca privada e está formado por "8 círculos concéntricos, cun diámetro total de 43 cm. Do seu centro, ocupado por unha cazoleta, saen dous surcos" (Texto: O Colado do Vento, preme para máis información)
 

    Outra época da que hai moitos restos e que na actualidade se está estudando é a época romana. Cos recentes descubrimentos do xeorradar, confírmase a existencia da antiga Proentia pero aínda sen esta tecnoloxía a súa existencia era innegable pois simplemente camiñando polo núcleo de Proendos observamos restos da época que forman parte de  diferentes construcións; restos que a xente utilizou para as súas vivendas e que se poden ver a simple vista: columnas, pedras, capiteis, un trisquel, pedras de muíño...
 
 
 
 
 

   E outros que eles nos ensinaron porque están máis ocultos; por exemplo esta ara romana da que pola súa posición, so podemos ver a parte de arriba na parede dunha vivenda.

      Neste percorrido polo núcleo da parroquia tamén puidemos ver a arquitectura nobiliaria da casa dos Ojeas, do s. XVII.

     Dando un salto no tempo, chegamos ao século XII e visitamos a Igrexa de Santa María de Proendos na que tamén podemos observar restos romanos nunha das columnas do arco triunfal que da paso á ábsida. Ademais atopamos plantas e flores nos capiteis e pinturas que nos contan feitos de Nadal: "A adoración dos Reis Magos", "A adoración dos pastores" e "A fuxida de Exipto"...

    Xa no exterior, ensináronnos unha roseta que se atopa no chan e que pode estar relacionada coa simboloxía da luz: coa idea de que a igrexa nos libra das tebras e nos leva á luz xa que entramos polo Oeste e imos camiñando cara ao altar que está no Leste, por onde sae o Sol.
 

 MOITAS  GRAZAS  A  PAULA  E  ALFONSO  POR  GUIARNOS NESTA  VISITA!!

      Como resultado de todo o que aprendemos nesta saída deixámosvos a seguinte emisión do programa Coñecendo os nosos concellos que inclúe unha entrevista a Paula feita por Senén, Adrián, Pablo e Pilar:



jueves, 30 de enero de 2020

GRÚAS POLA PAZ

   Fai uns días chegábanos a nova de que para o Día da Paz o colexio CEIP Valle Inclán de Vigo tiña o reto de "Elaborar mil grúas de papel para poder pedir un desexo de corazón" e nós decidimos colaborar xa que como obxectivo da Axenda 2030 a paz é un valor que traballamos continuamente no centro.

https://drive.google.com/file/d/1C90hir9h_0ERjv5DNFa9_zFjdViVl-0t/view?usp=sharing

    A proposta comezou con Laura e Brais explicándonos que a idea de crear grúas pola paz nace da historia de Sadako Sasaki, unha nena vítima da bomba de Hiroshima durante a Segunda Guerra Mundial. 

   Ela tiña dous anos cando a bomba explotou e como consecuencia desta explosión e da súa irradación, algúns anos máis tarde disgnosticáronlle leucemia.

   Mentres estaba no hospital unha amiga faloulle da lenda xaponesa que di que se constrúes mil grúas de papel, os deuses concédenche un desexo. Así que desexou curarse e púxose a facer grúas; pero faleceu antes de acabalas todas, cando levaba 644. Nese intre os seus amigos e amigas decidiron facer as grúas que faltaban.
https://drive.google.com/file/d/1C0BHRKsdBPTCEYF3dUtjJJoC2aYljnOz/view?usp=sharing
    Algúns anos máis tarde, dedicáronlle unha estatua que a representa a ela cunha grúa nas mans. Esta estatua permanece no Parque da Paz de Hiroshima co lema "Este é o noso berro, esta é a nosa petición: paz no mundo" e honra tamén a todos os nenos e nenas desaparecidos nesta traxedia.
 

  Con esta historia detrás do reto das grúas, a mestra Noelia ensinounos a facelas e puxémonos toda a semana mans a obra.
 

    Agora as nosas grúas xunto a todas as demais que consigan; viaxarán a Xapón o 6 de agosto, data da explosión da bomba para lembrar que non se pode volver a repetir nada similar
 

    E rematamos esta publicación coa frase que eles propuxeron desde o seu colexio:

"MOITA  XENTE  PEQUENA, EN  LUGARES  PEQUENOS, 
FACENDO  COUSAS  PEQUENAS,  PODE  CAMBIAR  O  MUNDO" (Eduardo Galeano)

GALERÍA  DE IMAXES