miércoles, 15 de septiembre de 2021

VIAXAMOS POLO MUNDO

     Os alumnos de 5º e 6º de primaria ao regresar ao colexio atopáronse cunha invitación moi especial: participar no proxecto: "VIAXAMOS POLO MUNDO".

 
 
 
    Durante o curso 2021/2022, os maiores do cole, cada mes recibirán o seu billete de avión para visitar de forma virtual distintos países dos 5 continentes e así coñecer a súa localización, xeografía, bandeira, cultura, gastronomía, tradicións...
 
    Terán que estar moi atentos e aprender moitas cousas novas xa que ao final de cada viaxe, terán que pasar unhas probas que lles permitirán gañar o premio dese país que estudaron.
 
    Onde viaxarán este mes os nosos alumnos de 5 e 6º? Permanecede moi atentos porque comeza a aventura...
 
    Agradecer a Miaula2.0 e a aprendiendode3 os recursos facilitados para poñer en marcha o proxecto.
 

lunes, 6 de septiembre de 2021

A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA (TXT: Asesoría de Bibliotecas Escolares)

   Xa coñecemos o lema escollido pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para as bibliotecas do PLAMBE durante o curso 2021/2022 que quere poñer o foco na palabra e na oralidade: 

A  BIBLIOTECA  ESCOLAR  TEN  A  PALABRA

Imaxe: Pablo Otero

     "Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 
 
     Máis aínda, como instrumentos a favor da equidade, as bibliotecas dos centros educativos deben procurar o acceso igualitario ao coñecemento e uso do léxico que garante unha mellor comprensión lectora, toda vez que os expertos nos falan da diferencia abafante entre o número de palabras que contén o léxico do alumnado de infantil en función dos contextos familiares, diferencia que marca xa as posibilidades de éxito fronte á lectura. 
 
    Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 
 
    A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade."