miércoles, 20 de diciembre de 2023

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Ana

   Rematamos As familias contan desta avaliación coa participación da familia de Ana: Mari, a súa nai; Delfín, o seu pai e Dani, o seu irmán.

   Eles estreáronse nesta actividade léndonos o libro Mi camita escrito por J. S. Pinillos.


   Unha historia que anima ás crianzas a durmir soas na súas camiñas explicándolles o marabilloso que pode chegar a ser.

   Descubrimos que a camiña pode ser un refuxio, unha compañeira de xogos ou o lugar onde ter o mellor descanso.

   Tamén pode ser unha amiga que nos fai esquecer os malos momentos do día, unha viaxeira que nos leva en soños a moitos lugares diferentes ou unha compañeira de lectura.

   Se queredes escoitar toda a historia desta nena e a súa camiña podedes facelo no seguinte podcast que gravaron nos estudos de Radiuvín.

 

MOITAS  GRAZAS  POR  TRAERNOS  ESTE  LIBRO  QUE  NOS  DESCUBRIU  O  FASCINANTE  QUE  PODE  SER  DURMIR  NAS  NOSAS  CAMIÑAS!! 



martes, 19 de diciembre de 2023

CLUB DE LECTURA (4 / 2023 - 2024)

    Hoxe celebramos unha nova sesión do club de lectura Viaxando polas letras na biblioteca do colexio cun invitado especial: Alfonso Campos, membro da Asociación O Colado do vento, ex-alumno do centro e pai dos nosos compañeiros Noé e Estrela.

    Invitamos a Alfonso a participar no noso club de lectura porque estivemos lendo o libro Mitos e lendas da Ribeira Sacra e el é un gran coñecedor da sabedoría popular do noso concello.

     Foi unha actividade moi interesante porque ademais de contarnos varias lendas, ilustrounos as mesmas con imaxes dos lugares onde se sitúan: un marco arredor do que están soterrados dous namorados, a desembocadura do Cabe no Sil, diferentes pedras e penedos... de xeito que os nenos e as nenas do club ían identificando as lendas con lugares que eles coñecían.

     Nesta sesión Alfonso falounos de lendas de mouros, de santos, relacionadas coa agua, coas orixes dos pobos, cos petroglifos... e tamén compartiu con nós un par de lendas escritas como cantares de cego, unha lida por el e outra na que participaron os membros do club.



      Despois o noso invitado estivo nos estudos de Radiuvín onde lles contou a Daniela e a Nayara moitas máis cousas sobre as lendas e a súa importancia.


MOITAS  GRAZAS  ALFONSO  POR  DEDICARNOS  ESTE  RATIÑO  E  POR  SEMENTAR  NO ALUMNADO O  INTERESE  POLA  TRADICIÓN  ORAL  DA  NOSO  CONCELLO.

 
ESPERAMOS  VOLVER  A VERTE  PRONTO  POLA  BIBLIOTECA!


OBRADOIRO: INSTRUMENTOS DE PERCUSIÓN

   Xa que estamos desenvolvendo un proxecto sobre a familia dos instrumentos de percusión, decidimos propoñerlle ao alumnado de Primaria uns obradoiros para que realizasen os seus propios instrumentos.

   O reto era conseguir facelos seguindo uns titoriais moi sinxelos, serán capaces??

   Comezamos cunhas maracas...

 

  E seguimos cuns pratos que imitan o son das ondas do mar...

 
       



sábado, 16 de diciembre de 2023

Probas 6 á 12

 Ola miñas queridas, ola meus queridos...




    Dediqueime a secuestrar as probas onte e hoxe, porque o meu obxectivo é que non consigades superar as diferentes probas... he he he... ou era ho ho ho ? Dá igual!
Pois ao que ía, secuestrei as probas, pero unha vez que me puxen a intentar facelas, dinme conta de que non son capaz de resolvelas todas, polo tanto, vounas ir deixando por aquí, que as resolvades e que eu poida copiárvolas nalgún momento de despiste porque eu si quero recibir eses regaliños dos que falaban os profes 😏

PROBA  7

A árbore de Nadal de Vigo ten 2.450 bombillas. A árbore de Sober ten 475 máis que a árbore de Vigo. Se se fundiron 385 bombillas da árbore de Vigo, cantas bombillas seguen funcionando en Vigo?


PROBA 8

COPIA NO TEU CADERNO OU FOLIO DE SOLUCIÓNS:

ADIVIÑA, ADIVIÑANZA...

CAL É O INSTRUMENTO QUE PODES OÍR, PERO NON VER NIN TOCAR?


PROBA 9

Se a recompensa de Nadal queres obter

as probas terás que resolver.

Hoxe toca unha de ciencias naturais,

e para os teus coñecementos demostrar,

Toca enumerar algunha característica do

Reino dos animais.

Queres unha pista? Podes falar das

células, da súa alimentación, ...


PROBA 10

Sei do gusto que tedes pola escritura

aínda que isto o diga con mofa

por iso teredes que crear un poema

Na que teredes que usar esta estrutura

2 parágrafos de 4 versos cada un.

Para facilitar a creación vosa

A rimas será consoante con -ista.


PROBA 11

Un novo reto deberedes solucionar se esta proba queredes superar.

A mestra e o mestre, o seguinte documento entregará.

A mente poñeredes a fumear, para os diferentes retos descifrar.






PROBA 12

Hoxe un pouco de cálculo mental faremos Para isto ao stop-matemático xogaremos.

Espero que todo poidamos calcular, para a proba rematar.

viernes, 15 de diciembre de 2023

CARTAS DENDE A RÍA (II)

    O proxecto Cartas dende a ría continúa e esta semana os nenos e as nenas do CEIP de Seara (Moaña) recibiron as nosas primeiras cartas.


    No seguinte enlace podedes ver a publicación que fixeron no seu blog cando as recibiron, parece que lles fixeron moita ilusión!!

CARTAS  DENDE  A  RIBEIRA  SACRA

 

jueves, 14 de diciembre de 2023

AUDICIÓN DIDÁCTICA DO GRUPO DE PERCUSIÓN DO CONSERVATORIO MUNICIPAL MESTRE IBÁÑEZ

    Hoxe a biblioteca do colexio convertiuse nun auditorio!

   Para complementar o proxecto sobre a familia dos instrumentos de percusión que estivemos levando a cabo nesta avaliación, contamos coa presenza do grupo de percusión do Conservatorio Municipal "Mestre Ibáñez" de Monforte de Lemos.

   Alba, Laura, Noé, Aarón e o seu mestre José Luis empezaron falándonos da orixe da percusión pois xa na prehistoria se utilizaban pedras e madeira para facer ritmos. Por iso as tres primeiras obras foron obras nas que non utilizaron instrumentos:  

Palos y claves na que empregaron as baquetas só para golpear o chan e golpearse entre elas.

 

La cocina na que tocaron diferentes utensilios e pezas de vaixela que podemos atopar en calquera cociña 

 

Feet and hands que é unha obra de percusión corporal. 

 

 

   Na segunda parte do concerto tocaron varias obras nas que puidemos escoitar instrumentos de percusión de madeira, de metal e de parche. Neste caso tocaron unha versión da obra Seven nation army de The White Stripes

 

  Tamén puidemos diferenciar instrumentos de percusión de altura determinada e indeterminada e decatarnos do ben que soan todos xuntos como nesta versión da canción Happy de Pharrell Williams


   Ademais comprobamos que con esta familia de instrumentos se poden interpretar cancións de todos os estilos musicais, como mostra aquí deixamos unha obra baseada nalgúns éxitos de Michael Jackson.


  Unha diferenza entre os músicos que estudan percusión e outros instrumentistas é que os percusionistas teñen que aprender a tocar todos os instrumenos que compoñen esta familia por iso, se vos fixades, veredes que os cinco membros deste grupo cambian de instrumento continuamente de xeito que todos eles tocan todos os instrumentos. Compartimos agora un arranxo da obra Oye como va, un coñecido mambo de Santana.


   Para rematar, o grupo de percusión interpretou tamén dúas coñecidas panxoliñas coas que o noso alumnado se puxo a cantar nada máis recoñecelas, recoñecédelas vós?



  Esperamos que todo o noso alumnado sexa consciente a partir de agora de que os instrumentos de percusión non son só o triángulo, o bombo, a pandeireta ou a batería senón que hai moitísimos máis instrumentos de percusión e tamén, que sexan conscientes da súa importancia dentro dunha orquestra ou dunha banda. 

   Ao finalizar fixémoslle entrega duns agasallos cos que agradecer este ratiño que pasaron con nós na biblioteca e este marabilloso concerto! 

  Despois catro dos compoñentes do grupo estiveron nos estudos de Radiuvín para falar sobre música, sobre percusión e sobre eles mesmos con Germán, Carlota e Javier.


Para rematar queremos volver a darlle as grazas por esta colaboración ao CONSERVATORIO MUNICIPAL MESTRE  IBÁÑEZ de Monforte de Lemos e, sobre todo, a José Luis, mestre de percusión, e aos alumnos que forman este grupo.

Se queredes ver todas as imaxes desta actividade, só tedes que seguir o enlace:

GALERÍA  DE  IMAXES


Calendario de Advento e 3 primeiras probas

 Comezamos o noso particular Calendario de Advento.

 


 

   Por que é particular? Porque neste non temos reservada unha larpeirada debaixo de cada número. Non! o que traemos cada día é unha actividade fácil e de repaso de todo o que traballamos ao longo deste 1º trimestre de curso. Cada día descubriremos 3 actividades que haberá que resolver, pode ser de matemáticas, de ciencias, de linguas, de música, de plástica, de educación física,...

   Uh! que aburrido! máis actividades non! pero por que???!!! Eu quería unha larpeirada para o descansiño mañaneiro!

    E se vos contamos que ao finalizar as 24 probas propostas sumamos aquelas que estean ben e en función do número, obtemos un ou dous premios?

    Ah! Así si! Eu quero participar! Eu tamén! Pois eu vou superar as 24! ja!

  Só podemos ir avanzando que obteredes un pequeno obsequio cando cheguedes ás 12 probas, pero... e se conseguimos superar as 24? Pois daquela o obsequio será MAIÚSCULO!


Hoxe descubrimos as nosas primeiras 3 actividades, pensadas para o 2º e 3º ciclo de Educación Primaria:

PROBA 1

REALIZA OS SEGUINTES CÁLCULOS

2043 X 25 =

398 X 15 =

8908 X 31 =

9017 X 22 =


------


PROBA 2


 INVENTA UN POEMA EN GALEGO UTILIZANDO PARA A RIMA NOGUEIRA E/OU CASTIÑEIRO

------


PROBA 3

COPIA EN TU FOLIO DE PRUEBAS LA SIGUIENTE ADIVINANZA Y DESPUÉS ESCRIBE LA RESPUESTA SIN DECÍRSELA A NADIE.

Me rascan continuamente
de forma muy placentera,
mi voz es muy bien timbrada
y mi cuerpo de madera.

 

Estade ATENTAS e ATENTOS, que iremos publicando as probas diariamente no blogue!