jueves, 22 de febrero de 2024

PROXECTO "OS PINGÜÍNS" (II)


 
 As crianzas continuaron aprendendo cousiñas sobre os pingüíns, e agora tocaba o turno de coñecer o seu corpo, ver que partes tiñan estes animais, se eran iguais que as que tiñan eles...


   Comezaron facendo un pingüín ben grande entre todos, ao que logo lle poñerían os letreiros coas partes do ser corpo.
 

   Unha vez que xa tiñan moi claro as partes do corpo dos pingüíns, fixeron uns ben chulos con plastilina.
 
 
Descubriron que as pegadas que deixan os pingüíns son moi diferentes das súas.


E finalmente animáronse a "crear" un pingüín con figuras xeométricas na mesa de luz.



 Mirade que orixinal quedou! 


miércoles, 21 de febrero de 2024

CLUB DE LECTURA (8 / 2023 - 2024)

 Continuamos coa lectura do libro O neno de lume de Ledicia Costas, que segundo nos din a maioría dos participantes se está poñendo moi interesante...

   Comezamos a sesión falando de Iván R., o ilustrador do libro. Para isto Julia e Dunia prepararon unha exposición baseada na entrevista que lle fixo Daniel Portela: Ilustrar contrarreloxo. Detrás do traballo de Iván R. para "O neno de lume" e a través desta exposición puidemos entender mellor o seu traballo e ver os bosquexos dalgunhas ilustracións .


    En canto a lectura, segue chamando moito a atención o personaxe de Anna; por un lado a importancia da amizade e de como ela cre todo o que Morgan lle di e non dubida en axudalo e, por outro lado, porque canto máis avanza a lectura máis nos decatamos do pobre que é; se na reunión anterior falamos de pobreza, nesta falamos de indixencia. Que diferencia hai entre pobreza e indixencia?

   Co fragmento de lectura que tiñamos pendente para hoxe, tamén coñecemos á banda dos Mudlarks e aos seus compoñentes cada un cun alcume identificativo (Pés de Queixo, Míster Feluxe, Lady Sambesuga, Nena Morcego...) e reflexionamos sobre o uso de alcumes que poden ser cariñosos e afectusosos ou despectivos e pexorativos, que pensamos sobre eles?

  A partir desta reflexión deixamos unha actividade pendente para o próximo día: pensar nun alcume que nos podería identificar e escribilo nun papel dobrado para na seguinte sesión tentar adiviñar a quen pertence cada alcume. A ver que sae...


PLAN DIRECTOR - Curso 2023 - 2024

     Dentro do PLAN  DIRECTOR  PARA  A  CONVIVENCIA  E  A MELLORA  DE  SEGURIDADE  NOS  CENTROS  EDUCATIVOS  E  NOS  SEUS  CONTORNOS, contamos no centro coa presenza de Ramón Peña Pérez, membro da Garda Civil experto nos riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais.


   Durante esta sesión tratáronse temas importantes para o alumnado xa que, queiramos ou non, internet e plataformas como wassapp, youtube, tiktok... están presentes na súa vida diaria.
 

   Ademais de falar sobre o bo uso desas plataformas tamén falamos de cyberbulling, grooming, roubo de datos persoais, estafas, xogos en rede e da importancia de manter unha boa seguridade nas nosas redes sociais utilizando métodos como a dobre autentificación que se poden activar facilmente desde axustes e nos dan un extra de seguridade se nos chegan a hackear o contrasinal.


  Outros dous aspectos nos que Ramón fixo fincapé foi en evitar dar datos persoais nos nosos perfís públicos (ano de nacemento, gustos, lugar de residencia...) e non aceptar solicitudes de persoas que non coñezamos físicamente.

    Se queredes saber máis de todo o que falamos hoxe,  podedes escoitar a entrevista que lle fixeron Germáne e Carlota en Radiuvín.

   Para rematar queremos dar as grazas a Ramón Peña e a este plan da Garda Civil que tan necesario nos parece e ante calquera problema que teñades, FALADE CUN ADULTO.


 

viernes, 16 de febrero de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA NENA E A MULLER NA CIENCIA - 2024

   Mentres estivemos de entroido conmemorouse o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia. Un día que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas celebra o 11 de febreiro coa intención de visibilizar "o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia".


   No colexio sumámonos a esta iniciativa invitando cada ano á biblioteca a mulleres de Ciencia relacionadas coa nosa comunidade educativa. Nesta ocasión tivemos con nós a Alejandra Losada Novoa, compañeira do mestre Marco e que, entre outras cousas, estudou Desenvolvemento de aplicacións web.
 
   Ela explicounos o seu traballo e que era iso de programar: que se programa? onde atopamos programación na nosa vida cotiá? que é necesario para programar? onde se almacenan as aplicacións?



   Ademais falounos da evolución dos ordenadores desde o primeiro ENIAC (Electronic Numerical Integrator and Computer) de 1947 que xa estaba operado por mulleres ata un Raspberry que é un pequeno ordenador do tamaño dunha man.


   Tamén nos falou da evolución doutros dispositivos tecnolóxicos que coñecen ou manexan os nosos alumnos e alumnas: móbiles, tablets, consolas... e mostrounos unha das primeiras consolas que utilizaban casettes.


     

  Despois pasamos á parte práctica da intervención. Primeiro un pouco de programación scratch e despois Alejandra desmontou un dos vellos ordenadores que temos no almacén do colexio para ensinarnos os seus compoñentes e comparalos cos actuais e cun escornabot.
 

 

      Así o noso alumnado puido ver de cerca como é un ordenador por dentro.
 


    Para saber moitas máis cousas sobre programación e sobre o traballo de Alejandra podedes escoitar o seguinte podcast no que ela responde ás preguntas de Martín, Lara e Candela.
 



MOITAS  GRAZAS  POR  DEDICARNOS ESTA MAÑÁ!!

ESPERAMOS  QUE  CON  ACTIVIDADES  COMO  ESTAS  AS  CRIANZAS COMPRENDAN  QUE  NO  FUTURO  PODEN  SER  O  QUE  QUEIRAN  SER.
 

viernes, 9 de febrero de 2024

É TEMPO DE ENTROIDO

    O entroido é sempre unha época do ano moi divertida; pero non é algo novo senón que é unha festa popular con personaxes tradicionais e diferenciados dependendo da zona de Galicia onde estemos.

   Para coñecer algúns destes personaxes que as crianzas do noso colexio nunca viron, os biblioaxudantes Germán e Martín leron o libro É tempo de entroido de de Ramón D. Veiga.

    Peliqueiros de Laza, cigarróns de Verín, madamas...  todos se queren xuntar para facer unha comida na que non faltará ningún ingrediente do cocido nin filloas nin orellas.

 

    De entre todos eles, hoxe quedámonos cos peliqueiros de Laza. Cada neno e nena do cole decorou a súa máscara que consta dunha carauta igual para todos e unha parte superior que se pinta con animais ou símbolos.  Este personaxe recorre as rúas de Laza cunhas chocas colgadas do cinto e un látego na man.




   Podedes escoitar o libro no seguinte podcast gravado por Germán e Martín.