Hoxe tivemos a sexta sesión do club de lectura deste curso, a segunda dedicada ao libro Un mundo para Maruxa de Estefanía Padullés.
Durante a mesma falamos de moitas cousiñas interesantes tomando como punto de partida diferentes capítulos do libro. Por exemplo, partindo do capítulo cinco que xa ten un título que lles chamou a atención: Quen se acorda dos deberes? falamos da importancia de ser responsables e de organizarse, de non deixar todo para o último momento e do refrán que nos dixo unha participante que lle dicía a súa nai: Non deixes para mañá o que poidas facer hoxe!
Despois reflexionamos sobre a actitude de Isolina intentando poñernos no seu lugar: por que será tan desagradable? Estará de mal humor? Quen pensarán as persoas que viven nunha residencia? Por que a protagonista di que calquera cousa vale para os avós?
Para rematar, a parte final da sesión, estivo dedicada á importancia da reciclaxe comentando as páxinas informativas que aparecen no libro: canto plástico usamos e como nos desfacemos del? Como afectan os plásticos ao medio ambiente? e aos animais? Podemos facer nós algo para mellorar o consumo de plásticos? E, por suposto, da regla dos 3 R: Reducir, Reutilizar e Reciclar.
Unha sesión que deu moito de si xa que aos participantes lles gustou moito a lectura desta primeira parte do libro. Esperemos que a segunda parte nos aporte tanto como esta!
No hay comentarios:
Publicar un comentario