Por segundo ano alumnos e alumnas de 1º curso do Grao de Educación Infantil da Facultade de Ourense acompañados por varios mestres e mestras viñeron a coñecer a realidade do noso centro educativo.
Para un mellor desenvolvemento da actividade, xs universitarios dividíronse en 5 grupos para pasar por 5 puntos diferentes do noso colexio: a biblioteca, o espazo croma, a radio e as dúas aulas de Ed. Infantil.
Nas aulas de Ed. Infantil puideron coñecer ás nosas crianzas e a diferente metodoloxía de traballo que se leva a cabo entre Infantil A que é unha aula mixta (3 e 4 anos) e Infantil B (aula de 5 anos).
Na biblioteca biblioaxudantes de 5º e 6º de Primaria tiñan preparada unha intervención con información sobre a organización da mesma (Lectuvín, a CDU, espazo creativo...), as actividades que facemos, o seu labor como biblioaxudantes e todos os recursos e materiais que se poden atopar nela.
Nos estudos radiofónicos de Radiuvín, outro grupo de biblioaxudantes explicáronlles como se grava, como funciona o programa editor de audio e ata lles fixeron unha pequena entrevista.
No espazo audiovisual do croma, tres biblioaxudantes recibían aos futuros mestres e mestras para explicarlles como se utiliza esta técnica e as súas aplicacións didácticas: pero non só de forma teórica xa que puideron facerse varias fotografías e gravar algúns vídeos.
MOITAS GRAZAS POR VIR A COMPARTIR CON NÓS ESTA MAÑÁ,
ESPERAMOS QUE VOS GUSTARA A VISITA!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario