viernes, 10 de abril de 2026

OBRADOIRO: ESTILO DE VIDA SAUDABLE (ANPA)

 

    Con motivo do Día Mundial da Saúde que se conememora o 7 de abril, a través da ANPA do colexio, realizamos unha actividade sobre hábitos de vida saudables para o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria coa que seguimos facendo fincapé nos obxectivos 2030.

     Nesta charla, Jorge, enfermeiro do HULA, faloulles primeiro sobre os 5 pilares fundamentais nos que se apoia un estilo de vida saudable: alimentación saudable, actividade física, sono efectivo, nada de tacabo nin alcol e benestar psicolóxico.

  Comezou pola alimentación saudable que é moi importante porque nos axuda a previr, tratar e disminuir o risco de complicacións e enfermidades. Para iso fixo un repaso sobre os hidratos de carbono, as proteínas, os lípidos e as vitaminas destacando como súperlimentos o ovo, as sardiñas e o aceite de oliva virxe extra. Tamén aprendemos que os cítricos teñen a fama da vitamina C pero que hai outros alimentos que a teñen en máis cantidade como o kiwi, o pemento vermello ou as cerolas.

   Despois de coñecer todo o bo que si que deberiamos comer, explicounos o que non: refrescos, bollería... e a importancia do pancreas que é o órgano que regula a insulina para controlar a nosa cantidade de azucre en sangue e o fígado que é o que loita contra o colesterol para que as graxas non se acumulen nas nosas arterias ou noutros órganos. Así como outras enfermidades que poden derivar dun estilo de vida non saudable.

    E como podemos facer para levar todo o aprendido á práctica? Pois lembrarnos do prato de Harvard que indica a proporción saudable de alimentos: 25% de hidratos preferiblemente integrais xa que axudan a conservar o nivel de azucre e enerxía durante máis tempo, 25 % de proteínas e 50 % de hortalizas, verduras e froitas. Ademais de beber entre 1,5 e 2 litros de auga ao día.

    Outro factor importante a ter en conta sería vixiar as etiquetas dos alimentos que compramos para ver todo o que inclúen (ás E): aditivos, edulcorantes, estabilizantes, colorantes, espesantes... e que derivan en problemas de saúde como hiperactividade, alerxias ou alteracións sanguíneas, inmunitarias, hepáticas, hormonales...

   O segundo pilar dun estilo de vida saudable sería o exercicio: o noso alumnado debería facer deporte 1 hora ao día como mínimo 3 días á semana máis deportes de forza. Preferiblemente ao aire libre xa que isto axudaría ao nivel de vitamina D. 

   En canto ao tabaquismo: canto máis lonxe mellor! Os adultos non deberían fumar preto dun neno ou dunha nena así que se hai alguén fumando o mellor poñer distancia.

   O último pilar, o benestar psicolóxico, é tamén moi importante xa que debemos ser capaces de pensar en positivo e saber identificar e controlar as emocións que sentimos: medo, ira, tristeza, alegría... e tamén poder falar sobre elas con alguén de confianza tanto cando nos sentimons ben como cando nos sentimos mal.

  Ademais para sentirnos ben con nós mesmos é moi importante tamén dar grazas, pedir perdón e saber dicir que non. Hai moitas frases que nos poden axudar como "tes un momento para estar comigo?", "Non me sinto ben, podo falar contigo?", "Síntoo, perdóasme?"...

    Podemos dicir que foi un obradoiro moi interesante e moi proveitoso para o noso alumnado así que MOITAS  GRAZAS  A  JORGE  E  Á  ANPA  POR  ESTA  ACTIVIDADE!! 

ESPERAMOS  QUE  O  NOSO  ALUMNADO  POÑA  EN  PRÁCTICA  O  APRENDIDO!!
 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario