martes, 7 de abril de 2026

BORRANCHOBOT: DESCUBRINDO A ELECTRICIDADE A TRAVÉS DA ARTE. Formación Biblioteca Creativa

     A pertenza ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) dános a posibilidade de continuar no Proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e isto, fai que o noso alumnado reciba un obradoiro de formación directa no propio centro.


   Nesta ocasión, foron Almu Alonso e Elena C. Insua, especialistas en tecnoloxía educativa, as formadoras que estiveron no noso centro para desenvolver o obradoiro Borranchobot: descubrindo a electricidade a través da arte con todo o alumnado de Primaria.

  O obradoiro comezou con algo tan sinxelo como unha pila, á que se lle foron engadindo outros elementos: un motor, cables (negro para o polo negativo e vermello para o positivo), un interruptor e un portapilas para construir un pequeno circuíto que facía xirar unha pinza de madeira a modo de hélice.

 
   A través da experimentación e o descubremento guiado, cada parella foi capaz de elaborar o seu propio circuíto para que todas as pinzas/hélices xirasen sen parar. 
    E conseguir superar un reto así, sen coñecementos previos na maioría dos casos, fixo que a alegria se apoderase das nosas crianzas!!
 
   Despois veu a parte de creación dos borranchobots: uns bots feitos con vasos de plástico duro e tres rotuladores a modo de patas que as nenas e os nenos personalizaron para que quedaran chulísimos.
 

  Cos borranchobots listos e decorados, chegou a parte final: unir os circuítos aos bots para dárlles movemento! 
 

   Para rematar: destapar os rotuladores, darlle aos interruptores e deixar que se movan con liberdade para facer a nosa propia creación artística!
 
 
 
 
    Pero as/os maiores do cole aínda deron un pasiño máis e foron capaces de poñerlles leds de cores cunha pila de botón!

   E como a finalidade deste obradoiro era coñecer os compoñentes dun circuíto eléctrico e aprender o seu funcionamento elaborando unha creación artística; podemos dicir que ACADAMOS  OS  OBXECTIVOS  PROPOSTOS!! 
 
 
    Ademais de aprender moitas máis cousas: a diferencia entre un bot e un robot, a polaridade das pilas e a importancia de respectar a polaridade, como se produce un cortocircuíto, a diferenza de voltaxe entre pilas, a razón pola que uns circuítos xiraban máis rápido que outros, porque algunhas pilas podían acender dous leds e outros case non brillaban... en fin... un montón de cousiñas coas que a partir de agora comezar a traballar.
 
 SEGURO  QUE  OS  BORRANCHOBOTS  SEGUIRÁN  FACENDO  DAS  SÚAS  NA  NOSA  BIBLIOTECA!!

    

No hay comentarios:

Publicar un comentario