lunes, 13 de abril de 2026

MÚSICA DE RAÍZ - FUNDACIÓN LEGAR

   Hoxe tivemos no colexio a actividade  Música de raíz da Fundación Legar organizada a través da Deputación de Lugo.

   Durante esta actividade Xavier Blanco compartiu con todo o alumnado do centro unha experiencia moi enriquecedora arredor da música tradicional galega e dos seus instrumentos, tanto os máis coñecidos como outros menos habituais.

     Durante a actividade, os nenos e nenas descubriron que a música pode facerse con elementos do día a día, sen necesidade de instrumentos convencionais. Así, empregando obxectos cotiáns como tesoiras, utensilios de cociña, ferramentas do campo, cabazas, botellas, vasoiras ou cornos de animais, aprenderon a crear ritmos e a imitar sons da natureza, acompañando diferentes cantigas.

     Tamén tiveron a oportunidade de escoitar e coñecer instrumentos tradicionais como a gaita, distintos tipos de pandeiros e tambores, a trécola e o acordeón, entre outros.

    A sesión estivo chea de momentos divertidos como a aparición de Don Ramiro, que lles ofreceu unha mostra de zapateados galego. 

 Para rematar, todos e todas gozaron bailando ao ritmo do acordeón diferentes pezas da nosa tradición.


   Esta actividade foi moi interesante xa que lles permitiu achegarse non só á riqueza musical de Galicia, senón tamén á vida no campo e ás nosas tradicións, contribuíndo a valorar e conservar o noso patrimonio cultural.

   Moitas grazas á Fundación Legar e á Deputación de Lugo por ofrecernos esta proposta tan participativa, lúdica e divertida!!


No hay comentarios:

Publicar un comentario