martes, 31 de enero de 2023

DOMINÓ DE FRACCIÓNS

    Hoxe o alumnado de 4º de primaria comezou unha nova unidade na materia de Matemáticas: As fraccións. Un tema que lles apaixona! Para comprender e interiorizar mellor as súas partes e a súa lectura estivemos a xogar cun dominó de fraccións.






As mates son súper entretidas! 



viernes, 27 de enero de 2023

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Estrela

     Hoxe, na actividade As familias contan recibimos na biblioteca a Paula, a nai de Estrela. Entre as dúas léronnos o libro Lobo Feroz de Patacrua (Ed. OQO) baseado nun conto popular ruso.

      Escoitándoas soubemos que o protagonista desta historia era un lobo tan preguiceiro que por non esforzarse non comía nada máis que papas de arroz!


   Ata que un día, cando xa estaba moi fraco, decidiu empezar a cazar e converterse nun lobo feroz; pero... que credes que pasaría? 


      Intentou cazar unha cabra, unha vaca, un porco, un burro e unha ovella; sería capaz de levar algo á boca?

     Se queredes saber como acaba o conto do lobo que quería ser feroz, podedes escoitar moi atentos o seguinte podcast no que Paula e Estrela comparten o libro con todos vós a través de Radiuvín.

 

MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  VIR  A  CONTARNOS ESTA  HISTORIA  TAN  ENTRETIDA  SOBRE  A PREGUIZA  E  O  ESFORZO!!



jueves, 26 de enero de 2023

PLAN DIRECTOR 2022 - 2023

     Fai varios anos que o noso centro participa no Plan Director para a convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nos seus entornos da Garda Civil.

    En cursos anteriores Ramón Peña era o formador desta actividade que estaba centrada nos riscos de seguridade asociados ás novas tecnoloxías e ao uso de redes sociais pero este curso tivemos tamén no centro a Roberto Pérez Páramo do SEPRONA e a José Ramón López Iglesias de TRÁFICO.

    Roberto foi o encargado de falarnos sobre o SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza) e as súas funcións: a protección dos animais salvaxes pero tamén de que os domésticos estean ben coidados, o control da caza e da pesca, a protección da auga, do solo e dos bosques... é dicir, todo o relacionado coa conservación da natureza e do medio ambiente.

    Tamén nos deu moita información sobre todo o relacionado cos incendios: prevención, orixe, consecuencias, condutas responsables que se poden adoptar, investigación, consellos sobre o que debemos facer cando nos atopamos preto dun... 

      José Ramón é membro de TRÁFICO, a parte da Garda Civil que ten como misión a vixilancia, regulación, auxilio e control do tráfico e do transporte así como garantir a seguridade da circulación en vías interurbanas.

    Durante a súa charla recordamos todas as normas que debemos seguir como peóns e como condutores das nosas bicicletas ou patinetes eléctricos. Tamén nos lembrou a importancia do uso do cinturón de seguridade e dos dispositivos de seguridade infantil cando imos en coche ou en autobús.

    Despois das dúas sesións didácticas, estiveron con Gareth e Carlota nos nosos estudos de radio para compartir toda esta información.

 

    A actividade rematou no pavillón cunha exposición de vehículos e material de investigación para todo o alumnado do centro.




Podedes ver todas as imaxes desta actividade na GALERÍA DE IMAXES

viernes, 13 de enero de 2023

VIAXANDO POLAS LETRAS (5/2022-2023)

    Co novo ano comenzamos tamén un novo libro no noso club de lectura:  Un mundo para Maruxa  de Estefanía Padullés.

    Na presentación do libro lemos o reumo que aparece na contraportada aclarando conceptos coma londra, Centro de Recuperación de Fauna Silvestre ou impacto medioambiental.

Unha mañá, o barco pesqueiro do pai de Iria trae ao porto a Maruxa, unha londra que ten que ser atendida no Centro de Recuperación de Fauna Silvestre. 

Iria descubrirá entón o perigo dos plásticos para os animais mariños e o seu impacto medioambiental nos océanos, polo que porá en marcha un plan para salvar o planeta. 

Como vai cambiar a vida de Iria a partir dese intre? Poderá conseguir o que se propoña?

    A continuación lemos sobre a autora, Estefanía Padullés, e descubrimos que ela traballou nun centro de Recuperación de Fauna Silvestre o que fai que os membros do club se interesen máis pola lectura do libro. Tamén lembramos as ocasións nas que estivo na nosa biblioteca presentando algúns dos seus outros libros.

 

AGORA  SÓ  QUEDA EMPEZAR  A  LECTURA  PARA  EMBARCARNOS  NESTA  NOVA  AVENTURA!!


jueves, 12 de enero de 2023

APRENDENDO A FACER BICAS

   O alumnado da Escola de Hostalería de Sober (Fundación Berlarmino Fernández) aproveitou o día de feira de Sober para vender bicas feitas por eles e recaudar fondos para a súa viaxe a Madridfusión.

  Algúns alumnos achegáronse ao colexio e explicáronlle ao alumnado de infantil como se fan e que ingredientes se necesitan: ovos, fariña, azucre, manteiga...

 Por suposto despois de falar tanto sobre este doce, non quedaba outra que probalo.

A ver se cando poñamos en práctica a receita, queda tan saborosa coma esta!

INGREDIENTES:

180 gramos de manteigaa de vaca ou mantequilla
450 grs. de azucre
7 ou 8 ovos  dependendo do tamaño
250 gr de masa de pan leveda
250 gr de fariña de trigo
 A raspadura dun limón

PREPARACIÓN:

1. Fundir a manteiga e engadirlle o azucre pouco a pouco.

2. Agregar os ovos un a un mentres batemos.

3.  Engadir a masa de pan e mesturar moi ben. 

4. Despois engadir tamén a fariña tamizada e a reladura de limón.

5. Verter nun molde rectangular forrado con papel de forno e espolvorear azucre por riba.

6. Meter no forno prequentado a 200 ºC durante media hora aproximada (dependendo do forno)


lunes, 9 de enero de 2023

AGASALLOS DOS REIS MAGOS

   Os Reis Magos saben que os nenos e as nenas do noso colexio se portan moi ben na biblioteca e que fan moitas cousas nela: estudan, crean, experimentan, xogan, len, investigan, descobren, crean... e por iso, hoxe ao volver das vacacións de Nadal, atopamos un montón de agasallos!


   Entre os agasallos atopamos libros, recursos para o recuncho creativo, xogos para coñecer o mundo, xogos lóxicos...  unha morea de novidades que a partir de hoxe mesmo xa están dispoñibles na biblioteca!