domingo, 12 de febrero de 2023

DÍA MUNDIAL DA RADIO - 2023

  A Asociación Cultural e Pedagóxica  Ponte... nas ondas!   convudiunos a conmemorar a  12ª edición do Día Mundial da Radio 

     Entre as actividades propostas escollemos a realización dun podcast sobre o patrimonio de Sober e para a súa elaboración o alumnado de Investigación e Tratamento da Información de 4º e 6º de Primaria fixo un traballo de recompilación de información sobre varios monumentos do noso Concello: a igrexa de San Xulián de Lobios e o cruceiro, a Capela da Raíña dos Anxos, o santuario de Cadeiras e a igrexa de Santa María de Proendos.



    Podedes escoitar o resultado final deste programa no seguinte podcast:

 

Tamén vos deixamos o enlace á publicación que fixeron na propia páxina de Ponte nas... ondas! onde se poden escoitar os podcast dos máis de 40 colexios e institucións participantes.


 


martes, 7 de febrero de 2023

HABÍA UNHA VEZ... NA RADIO

  O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro de formación a través do proxecto Radio na biblio; pois grazas a este proxecto contamos cun orzamento específico para facer obradoiros que repercutan na formación do noso alumnado.

   Para o obradoiro deste ano estivo no centro Soledad Felloza que desenvolveu unha actividade de narración oral titulada Había unha vez... na radio.


    Primeiro o alumnado estivo facendo unha posta en común sobre o concepto que tiñan de radio: que escoitaban, que lles parece que fai falta para ter un bo programa...

 

   Despois, Soledad contoulles O conto dos Reis Magos á vez que os nenos e nenas tiñan que ir teatralizando algunhas partes.


     A continuación, coas indicacións de Soledad, o alumnado participante entendeu que na radio hai que contar só para as orellas porque a persoa que nos está escoitando non nos pode ver. Para iso ensinoulles técnicas coas que facer da voz un gran instrumento que poida recrear voces con diferentes matices ou sons do mar, do vento, de animais...


     Por último, dividíronse en pequenos grupos para ler diferentes contos (As tres curuxiñas, Sígueme, Avós, Os Esqueletos divertidos, Pioneiras...) nos que tiñan que poñer en práctica o aprendido: entoación adecuada, diferenciación de voces, expresividade...


   Esperamos que esta formación tan interesante repercuta positivamente no noso alumnado así que a partir de agora, estade atentos ás emisións de Lecturradio: as túas lecturas na nosa radio. Seguro que non vos defraudan! 

GALERÍA  DE  IMAXES


AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Lola

    Hoxe estivemos de estrea na actividade As familias contan xa que era a primeira vez que viña a contar Yolanda, a nai de Lola.

    O libro que escolleron foi El día que mamá perdió la paciencia de Belén Gopegui. que como ben di o título é a historia dunha nena chamada Mariú que ten que buscar a paciencia que perdeu a súa nai.

    O problema é que Mariú non sabe por onde empezar a buscar xa que a paciencia é algo que non se ve nin se toca, como se sabe a onde van as cousas invisibles que se perden?


   Como non sabe por onde comezar pide axuda ao seu irmán pero el non lle pode axudar porque está xogando cun amigo. O mesmo pasa co seu pai que non lle pode axudar porque está traballando co ordenador, pero aínda así non se desanima porque ela sabe viaxar nos contos que le así que decide buscar a través deles.

   Yoly e Lola léronnos un fragmento no que Mariú atópase nos seus contos coa princesa Adhara que, como todas as princesas, ten os seus problemas: ten que levar zapatos de tacón cos que ten que dar pasos pequeniños para non caerse, sempre ten que vestir con roupa elegante e ben pranchada, as coroas, as diademas...
 
     Despois atopará moitos máis personaxes que a farán reflexionar e descubrir a diferenza entre rabieta e perder a paciencia, o valor da razón, a emoción dos sentimentos, a empatía, a responsabilidade dos sentimentos que provocamos noutras personas... e aprenderá que todos (nenos e adultos) temos dereito a perder a paciencia algunha vez.

       E respecto á paciencia da mamá, vós que pensades? Atoparíaa? 
      
       E que faríades vós para atopar a vosa paciencia se a perderades? Como nos dixeron Yoly e Lola hai moitas maneiras de buscala: pensar, reflexionar, descansar, relaxarse, pór a funcionar o sentido común...

      Se queredes escoitar un fragmento deste libro tan didáctico podedes facelo no seguinte podcast onde tamén escoitaredes unha pequena reflexión que as nosas protagonistas fixeron en Radiuvín

 MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  TRAERNOS  ESTA  LECTURA,

FOI  UN  PRACER  ESCOITARVOS.


 GALERÍA  DE  IMAXES


viernes, 3 de febrero de 2023

PINTANDO UN FUTURO MELLOR, UN FUTURO CHEO DE COR

    Este ano para conmemorar o Día da Paz e da Non Violencia Escolar e o Día da Ilustración, fixemos un montón de actividades arredor do  Guernica  de Pablo Picasso do que podedes obter máis información levando en préstamo algúns libros da biblioteca como os que vos propoñemos.

    Primeiro mostramos o cadro na biblioteca e pedímoslles aos nosos nenos e nenas que dixeran o que lles inspiraba: tristeza, medo, morte, dano, auxilio, falta de cor... foron as palabras máis repetidas e os sentimentos que máis expresaron.

    Despois contamos a historia deste cadro que foi pintado por Picasso no 1937 e representa os horrores do bombardeo por avións alemáns durante a Guerra Civil española dun pequeno pobo chamado Guernica en Vizcaya (País Vasco) e comentamos algúns efectos da guerra apoiándonos en diferentes imaxes do cadro.


    A continuación dividimos o cole en dous grupos diferentes. O alumnado de Ed. Infantil e 1º e 2º de Ed. Primaria foi o encargado de transformar a tristeza do cadro pintando entre todos unha nova versión con cores vivos e alegres porque queremos un futuro cheo de cores e non de grises (poster fragmentado para colorear).



     O alumnado de 3º a 6º de Primaria tiña que ilustrar unha resposta para a pregunta: Que pasaría se bombardeasen o noso concello? e reflexionar sobre o que poden estar pasando nos territorios que están en guerra.

 
 

     Ao final, expuxemos todo o traballo no corredor principal xunto a unha réplica do cadro feita en madeira por antigos alumnos e alumnas do colexio.

    Esperamos que se o vemos durante todo o ano non se nos esqueza a importancia da paz e da non violencia.

 

GALERÍA  DE  IMAXES

 

miércoles, 1 de febrero de 2023

RECEITA PARA A PAZ

   O alumnado de 1º e 2º de Primaria converteuse en persoal de cociña para conmemorar o Día da Paz inventando varias receitas con ingredientes indispensables para preparar un bo plato de paz.

   Primeiro fixeron unha choiva de ideas para pensar que ingredientes deberían utilizar e despois escolleron os que lles pareceron más apropiados: respecto, tolerancia, amor, apertas, amizade, empatía...

 

   Para rematar expuxeron os seus traballos nun mural que está no corredor principal do piso superior e  no que expresaron os seus desexos de paz tamén en castelán e en inglés xa que somos un centro plurilingüe.