O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria participou nun obradoiro de formación a través do proxecto Radio na biblio; pois grazas a este proxecto contamos cun orzamento específico para facer obradoiros que repercutan na formación do noso alumnado.
Para o obradoiro deste ano estivo no centro Soledad Felloza que desenvolveu unha actividade de narración oral titulada Había unha vez... na radio.
Primeiro o alumnado estivo facendo unha posta en común sobre o concepto que tiñan de radio: que escoitaban, que lles parece que fai falta para ter un bo programa...
Despois, Soledad contoulles O conto dos Reis Magos á vez que os nenos e nenas tiñan que ir teatralizando algunhas partes.
A continuación, coas indicacións de Soledad, o alumnado participante entendeu que na radio hai que contar só para as orellas porque a persoa que nos está escoitando non nos pode ver. Para iso ensinoulles técnicas coas que facer da voz un gran instrumento que poida recrear voces con diferentes matices ou sons do mar, do vento, de animais...
Esperamos que esta formación tan interesante repercuta positivamente no noso alumnado así que a partir de agora, estade atentos ás emisións de Lecturradio: as túas lecturas na nosa radio. Seguro que non vos defraudan!
No hay comentarios:
Publicar un comentario