miércoles, 3 de mayo de 2023

MÚSICA DE RAÍZ

   Música de raíz é unha actividade realizada pola Fundación Legar que chegou ao noso centro a través da Deputación de Lugo.

 

  Con Xavier Blanco e Martina Ferradás, o alumnado de 6º de infantil e de 1º a 4º de Primaria aprendeu moito sobre a música tradicional galega e sobre instrumentos tradicionais coñecidos e outros que non o son tanto


   Sobre todo coñeceron instrumentos feitos con cousas cotiás de xeito que non necesitamos ter un instrumento propiamente dito para facer música senon que con materiais que temos ao noso alcance podemos podemos imitar os sons da natureza ou acompañar ritmicamente un montón de cantigas: tesoiras, utensilios da cociña, ferramentas para traballar o campo, botellas, vasoiras, cornos de animais...

  Ademais puidemos escoitar a gaita, diferentes pandeiros e tambores, o maio - maiolo, unha trécola, un acordeón...



  Tamén apareceron pola biblioteca outros personaxes como un espantallo, un cabezudo, Enriquito e Don Ramiro que propuxeron cantigas e actividades musicais coas que os nenos e nenas o pasaron moi ben.



   E para rematar bailamos ao son do acordeón diferentes cantigas galegas...

    Coñecer toda esta variedade instrumental e musical de Galicia levou consigo coñecer tamén a vida do campo e outras tradicións da nosa comunidade, o que nos axuda a darlle valor ao noso patrimonio cultural. 


  Moitas grazas por facernos esta achega  dun xeito tan participativo, lúdico e divertido,  foi unha moi boa forma de comezar as actividades do Mes das Letras Galegas!


martes, 2 de mayo de 2023

DÍA CONTRA O ACOSO ESCOLAR

    O 2 de maio conmemórase o Día Internacional contra o Acoso Escolar coa finalidade de concienciar sobre este problema que afecta a escolares de todo o mundo: agresións, insultos, motes, bloqueo social, coaccións... 

   Para loitar contra esta lacra e contra actitudes que non queremos no noso centro, realizamos un obradoiro sobre emocións dirixido por Vivi, psicóloga clínica experta en intelixencia emocional de Kybalion. Atención integral. 

   O alumnado de Ed. infantil tivo como punto de partido a lectura do libro Malena Ballena de Davide Cali (Ed. Libros del Zorro Rojo) que conta a historia de Malena, unha nena que pesa demasiado e por iso lle chaman "ballena". Pero un día o seu monitor de natación ensinoulle algo que fixo cambiar a súa vida.

 
   A historia serviu para que se puxeran na pel de nenos e nenas que están sufrindo acoso ou que se senten limitados á hora de facer o que lles gusta pero desde o repecto e o fomento da autoestima. 

    A segunda parte do obradoiro tiña a finalidade de identificar as feridas que causan este tipo de comportamentos; para isto o alumnado fixo un traballo de reflexión sobre situacións que sufriran ou que provocaran escribíndoas nun papel e despois pegándoas nun corazón ao que se lle transmitía ese dano en forma de engurra, rotura ou buratos e así decantarnos de que os actos teñen consecuencias e deixan marcas que non se poden borrar simplemente pedindo perdón.


 
  Para rematar en positivo, fixemos outro corazón con propostas de mellora: poñerse no lugar da outra persoa, mediar en conflictos, non ignorar a certxs compañeirxs, non utilizar motes...


  Esperemos que esta sesión si que deixe sinal no noso alumnado e que desterremos para sempre do noso cole os comportamentos que causan feridas!!
 




martes, 25 de abril de 2023

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Carla Martínez

 Hoxe tivemos na biblioteca unha nova sesión da actividade  As familias contan; nesta ocasión con Lupe Pardo nai da nosa compañeira Carla Martínez.

  Elas viñeron a contarnos o libro Nadie quiere jugar conmigo  escrito por Gabriela Keselman co que coñecemos a historia do castor Pocosmimos que se sentía moi só porque ninguén quería xogar con el.



     Ademais nin os gatos nin os osos nin os patos ían ás súas festas e el xa non sabía que facer. Organizaba festas para ver se se animaban pero... nada! O resto de animais non ían e el cada vez estaba máis triste.

 

  Aínda así non se daba por vencido e non deixaba de intentalo organizando festas en diferentes lugares: nunha illa, no alto dunha árbore, dentro dunha cova...

  Ata que finalmente un día paseando atopounos a todos xogando nun prado e os demais cando o viron empezaron a mover os brazos en sinal de benvida para que fose a pasar un rato con eles. Ese día pasárono moi ben e Pocosmimos non volveu a sentirse só.


   Pero entón que pasaba? Pois que como a maioría das veces, os problemas derivaban de malentendidos: os gatos non foran á festa da illa porque lle tiñan medo a auga,  os patos non puideron ir á festa do alto da árbore porque non sabían chegar arriba, os osos non entraban na pequena cova e os paxaros non xogaron ao escondite porque Pocosmimos estaba tan ben escondido que non o atoparon.

   Se queredes escoitar todo o conto podedes facelo no seguinte podcast:


MOITAS  GRAZAS  ÁS  DÚAS  POR  VIR  A  CONTARNOS  ESTE CONTO!!

    Esperemos que con el aprenderamos a importancia de falar e resolver os conflitos a través do diálogo e tamén a ser un pouco como Pocosmimos que nunca se deu por vencido.


 GALERÍA DE  IMAXES

lunes, 24 de abril de 2023

O BOOKFACE DA ACADEMIA

Para conmemorar o Día Internacional do Libro, que se celebra cada 23 de abril, o alumnado da Academia Máxica realizou un Bookface. Este termo anglosaxón consiste en realizar unha  fotografía na que unha persoa "fúndese" coa cuberta dun libro, facendo coincidir a imaxe real coa portada do libro. 

Ao longo duns días, tiveron que pensar que libro lles gustaría elixir e idear como deberían realizar as fotografías e se necesitaban vir vestidos de algún modo específico para así, conseguir un efecto máis realista. 

No seguinte documento podedes ver as súas creacións empregando o software de deseño gráfico denominado Canva.


Imprimimos as fotografías e colgámolas na porta da nosa aula para que o resto dos nosxs compañeirxs puiedesen ver as nosas recomendacións lectoras. 




A todxs lles gustou moito a decoración da nosa porta e encantoulles a idea!



RADIO VOZ ESCOLAR

  O noso centro foi proposto pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para formar parte do programa Radio Voz Escolar que xorde da colaboración entre a Consellería e Radio Voz. Unha experiencia piloto dirixida a 40 centros integrados no programa Radio na biblio.

 


  

   Esta colaboración enmárcase dentro do Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe) que ten como unha das súas liñas principais a educación mediática e informacional polo que se persegue "reforzar os programas de alfabetización mediática e informacional do alumnado, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos"

 

    Para isto achegáronse ao centro Antía Díaz Leal (Xefa de Programas e informativos de Radio Voz) e Sonia Rodríguez (Técnica responsable de son). A primeira parte da actividade consistiu nunha charla na biblioteca na que Antía lles falou do seu traballo como locutora, redactora e produtora e da radio en xeral. Tamén lles deu consellos sobre a elaboración de guións e a gravación de programas.


        A segunda parte da actividade realizouse nos estudos de Radiuvín onde gravaron en falso directo un programa sobre o Día do Libro que se emitirá a través da frecuencia de Radio Voz o próximo xoves día 27 de abril e despois estará dispoñible na súa web. Durante esta parte da actividade foi Sonia Rodríguez a que lles ensinou a utilizar todo o que ten que ver coa parte técnica da gravación.




Moitas grazas a Radio Voz e á Consellería por contar con nós para esta experiencia!!

 

viernes, 21 de abril de 2023

APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES

      Unha das actividades preferidas do noso alumnado son os apadriñamentos e amadriñamentos lectores que facemos desde fai varios anos para conmemorar o Día do Libro.

       Este ano @s biblioaxudantes organízaronse en cinco grupos  que se repartiron polo colexio con cadanseu libro para lerlles ao resto do alumnado que tamén dividido en 5 grupos foron percorrendo a senda dos libros.
 
     Na biblioteca estaban Gareth, Gissela e Javier co Kamishibai preparado para contar O gato sol  que é un conto tradicional de Vietnam sobre un neno que atopa un gatiño pero non sabe que nome poñerlle polo que decide visitar ao sabio do pobo para que lle axude a elexilo. 
 
 

 
 
   No corredor principal esperábannos Lola, Naím e Libertad para lernos  Fronteiras de papel  de Javier Domínguez e Alba de Evan (Antela Editorial), a aventura de Fátimah e a súa familia que teñen que comezar unha viaxe atravensando o mar para buscar unha vida mellor. Nesta viaxe descubrirán que as fronteiras máis difíciles poden estar feitas de papeis. 

     

 

   Ao chegar ao Salón de actos Iria, Darío e Cristian tíñan preparado unha pequena representación da divertida historia de  Pepiño Cebola  de Sandra Alonso (La maleta ediciones) que é un neno ao que lle poñen mil capas de roupa con para protexelo pero isto fai que Pepiño non sexa un neno, senón unha  cebola!

 

   Xa no exterior do cole, o grupo de Mencía, Lucas e Yanira tiña preparados un montón de monicreques para contarnos  Non fai falta a voz  de Armando Quintero (OQO Editora) que é un libro que fala sobre as diferentes formas de demostrar cariño aos demais, concretamente dos abrazos. Sabedes que os abrazos dan seguridade, favorecen a autoestima e melloran a confianza nun mesmo e nos demais? 

 

    E para rematar, no patio ao lado dunha árbore, Carlota, Germán e Susana esperaban para contarnos    A miña árbore secreta  de David Pintor, que narra a relación dunha nena coa árbore que plantou foai moitos anós o seu avó; unha historia cun final moi sorprendente.

    

 
 
 

FELIZ  DÍA  DO  LIBRO!!!

 

jueves, 20 de abril de 2023

DÍA DO LIBRO: Cando Leo (Eva Mejuto)

    Comezamos as actividades da Semana do libro co libro Cando leo escrito por Eva Mejuto e Ilustrado por Bea Gregores porque compartimos completamente as verbas da súa contraportada: "Todo é posible cando nos poñemos a ler e nos deixamos levar polas páxinas dun libro. Todo é posible, sobre todo o imposible"

      Cando leo abre as portas e as ventás de moitos mundos e de moitas situacións reais ou imaxinarias. A través do texto e das súas ilustracións reflexionamos sobre o poder da lectura  non só como un medio para evadirnos se non tamén como un refuxio en momentos difíciles.

     O vídeo está elaborado coas voces en off de Naím Hourri e Lucas Fernández e con fotomontaxes das ilustracións cos nenos e nenas de educación infantil como protagonistas. Esperamos que vos guste tanto como a nós!

   Despois do visionado na biblioteca, os nenos e as nenas de Primaria fixeron unha reflexión do que sentían cando lían e plasmárona nun pequeno libro. 

 

  

Con todos eses sentimentos elaboramos o noso mural para o DÍA DO LIBRO 2023!