No club de lectura seguimos coa lectura do cómic Policán de Dav Pilkey que foi o libro máis vendido no mundo en 2021. Para esta sesión tiñamos que ler os dous primeiros capítulos e a conclusión xeral é que lles encantou.
Comezaron Itzae e Germán facéndonos un resumo do Capítulo 1: Nace un superhéroe, destacaron as viñetas que máis lle gustaran que foron sobre todo as que tiñan xogos de palabras divertidas e como a historia se ía entrelazando con detalles que non parecían importantes pero que ao final si que o eran; por exemplo, cando a aspiradora traga unha táboa de surf na praia e varias viñetas despois esa táboa é a que utiliza Policán para salvarse.
A continuación pasamos ao Capítulo 2: Robo-jefe. Neste capítulo tamén lles chamaron a atención os xogos de palabras como os nomes dos negocios ilegais o que nos deu para falar de diferentes tipos de fraudes: Estafas"R"Us, Imprenta de Billetes Falsos, Ganzúas Pérez... Que é un ladrón de "guante branco"?
Tamén nos fixamos no poder das ilustracións xa que había páxinas nas que non había ningún bocadillo e só coas ilustracións podiamos saber o que estaba pasando.
No hay comentarios:
Publicar un comentario