Seguimos traballando emocións en Educación Infantil e a segunda emoción que traballaron as crianzas foi a tristeza.
Igual que coa ledicia, o primeiro foi ver o que nos contaba o libro Laberinto da Alma sobre esta emoción. E despois continuamos coa lectura do conto "Bágoas debaixo da cama" de Ana Meilán e Marta Mayo, co que coñecemos a historia de Simón que canso de que todo o mundo lle chame chorón, decide gardar en botes debaixo da cama as súas bágoas e as de todo aquel que chora, pero...que pasaría se o mundo quedase sen bágoas?
Esta vez tamén encheron un bote da tristeza debuxando aquelas cousas que os poñen tristes ou que lles gustan menos e coloreandoas de azul, que foi a cor coa que relacionaron esta emoción.
Outras das actividades que fixeron foi nas bandexas tuff tray consistía en encher unhas cariñas tristes e unhas bágoas botando cunhas pipetas gotiñas de auga con colorante azul.
A obra de arte coa que se relacionou esta emoción foi "A noite estrelada" de Vincent Van Gogh, pola predominancia de cores oscuras que o pintor empregou na súa creación. Para facer a súa propia versión da obra, os nenos e nenas utilizaron diferentes materiais como esponxas, bastonciños, pinceis,... Despois a obra e o bote da tristeza pasaron a formar parte do mural das emocións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario