Esta segunda sesión do noso club de lectura deste curso estivo dedicada aos catro primeiros capítulos do libro Vampira de biblioteca de Ledicia Costas.
Nesta ocasión, a protagonista, Eleonora, serviunos de punto de partida para falar dunha emoción que todos coñecemos: o medo. Comezamos comentando algúns dos seus medos que aparecen nas primeiras páxinas do libro e fomos engadindo os nosos propios. Así xurdiron medos moi diversos: a que lle pase algo á familia, a enfermar, a facerse maiores, ás arañas, aos réptiles e ás serpes, ás alturas, aos avións, á escuridade, á morte, a ser esquecidos despois de varios anos mortos, á fin do mundo ou a fallar…
Foi unha actividade moi interesante na que, ademais de descubrir que non todos temos os mesmos medos, tivemos a oportunidade de coñecernos un pouquiño mellor.
Pero non quedamos aí, tamén reflexionamos sobre como reaccionamos cando algo nos produce medo. Que facemos nesas situacións? As respostas foron variadas: fuxir, esconderse, pedir axuda, chorar ou mesmo quedar paralizados. Isto último é precisamente o que lle sucede a Eleonora no capítulo 4, cando os seus amigos Xa e Mon teñen que recorrer ao humor para axudala a saír dese momento.
Despois continuamos coa lectura: aclaramos dúbidas de vocabulario, detivémonos nas ilustracións e compartimos impresións sobre o que aconteceu nestes capítulos. Ademais as ganas de saber que pasará a continuación son cada vez maiores xa que parece que Vampira de biblioteca está a conquistar os membros do noso club que están participando con moito interese.
Antes de rematar marcamos as tarefas para a próxima xuntanza: ler cinco capítulos máis, investigar sobre Constantinopla, a cidade que serve de berro de guerra aos morcegos, e reflexionar sobre as palabras que Eleonora dedica á soidade no primeiro capítulo.

.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario