miércoles, 11 de febrero de 2026

DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA: EVA CABANELAS DOPAZO

   O día 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia. A  Asamblea Xeral das Nacións Unidas instaurou esta efeméride coa intención de visibilizar "o labor das científicas, promover a realización de actividades e fomentar vocacións científicas que axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia".

Imaxe: Asesoría Bibliotecas Escolares

   Por esta razón e porque no colexio estamos desenvolvendo un proxecto de animais, convidamos á biblioteca a Eva Cabanelas Dopazo, profesora de FP de Sanidade no IES Daviña Rey de Monforte que ademais é Licenciada en Veterinaria e Doutora en Sanidade Animal pola Universidade de Santiago de Compostela.

   Na charla divulgativa que tivo cos máis pequenos e pequenas: "Curiosidades de los animales domésticos" contoulles moitas cousas sobre estes animais e sobre a responsabilidade que implica ter unha mascota na casa.


    Tamén lles explicou  aspectos que hai que ter en conta para a elección da mascota (raza, sexo, carácter...) e lles deu consellos moi interesantes sobre o seu coidado (educación, alimentación, hixiene, coidados veterinarios...).

     Ademais respondeu a todas as preguntas que lle fixeron os cativos, que non foron poucas!


   Na segunda charla (enfocada aos máis maiores) o tema foi totalmente diferente: "Ectoparásitos del ser humano". Nesta ocasión os protagonistas non foron as adorables mascotas senón pulgas, carrachos, piollos e ácaros.


  Descubrimos como poden chegar ao noso corpo,  como identificalos, que consecuencias teñen para nós, que enfermidades poden  transmitir, que é a enfermidade de Lyme e por que parece que hai tantos carrachos na nosa provincia, cal é a perigosidade de cada parasito...  En fin... un montón de aprendizaxe!!
 

         E para rematar a charla, puidemos ver unha mostra destes bichiños na pantalla amplificados cunha lupa e outros conservados en formol.
 


.   Claro que os máis riquiños eran os peluchiños que non parecen nada perigosos e ata dá gañas de achuchalos!
 
     Finalizamos a actividade coa entrevista que Carla Martínez, Silvia e Xiana lle fixeron a Eva en Radiuvín e que podedes escoitar no seguinte podcast.
 
MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  PASAR  ESTE  DÍA  CON  NÓS, ESPERAMOS  QUE  VOLVAS  A CONTARNOS  MOITAS  MÁIS  COUSAS  SOBRE  O  MUNDO   ANIMAL  E  QUE  A  TÚA  EXPERIENCIA  ANIME  ÁS  NOSAS  NENAS  A  ESTUDAR  A  CARREIRA  QUE  QUEIRAN!!
 
 
 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario