Organizamos esta excursión grazas á colaboración de dúas familias do colexio: Noelia e Diego, pais de Héctor e Darío, convidáronnos á súa granxa e Elías, pai de Germán e Martín, invitounos ao seu centro oleiro.
A visita comezou na Pena de Gundivós onde Noelia e Diego faláronlle ao noso alumnado da súa gandería Casa da Escola na que teñen gando porcino e ovino. Unha gandería semiextensiva xa que o gando está en liberdade pero eles proporciónanlles o alimento necesario.
Faláronlle de moitos aspectos relacionados coa cría e mantemento dos animais, da importancia do medio ambiente, do respecto aos animais e a natureza, dos problemas aos que se enfrontan e da importancia de esforzarse para acadar o que nos propoñemos.
Tamén houbo tempo para achegarse a algúns dos animais; desde as cerdas máis grandes ata os máis tenros cordeiriños.
MOITAS GRAZAS POLAS VOSAS ENSINANZAS E POLO VOSO TEMPO!!
Desde a granxa dirixímonos ao Centro Oleiro de Gundivós onde nos esperaba Elías. Este centro encóntrase na Casa Rectoral desta parroquia, un edificio do século XVIII que él transformou nun centro de interpretación da cerámica.
A visita comezou no espazo destinado ao museo onde puidemos ver pezas pensadas para a cociña, a bodega, as
matanzas... e outras de máis de 300 anos. Tamén visitamos unha cociña tradicional co seu pote, as alacenas, os bancos...
Despois pasamos á parte práctica no patio da casa. Alí, co barro típico da zona e nun torno baixo e manual, Elías fixo para nós un xarro de Gundivós coa súa barriga, as súas orellas, os seus bigotes e ata un par de ollos.
Co xarro feito, explicounos as seguintes fases: secado, cocido, cor e impermeabilizado con resina de pino que se aplica unha vez que a peza está cocida e afumada pero aínda quente para que a calor a poida derretir.
GRAZAS POR COMPARTIR CON NÓS ESTA RIQUEZA PATRIMONIAL!!
A excursión rematou cunha convivencia co alumnado do CEIP A Gándara de Monforte, onde houbo tempo para encontrarnos con ex-alumnos do noso colexio e para coñecer a súa biblioteca.