viernes, 7 de febrero de 2025

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Antía

     Hoxe recibimos por primeira vez en As familias contan a Rocío e Elías, os pais de Antía; pero non é a primeira vez que veñen á biblioteca porque eles colaboraron con nós dándolles aos nenos e as nenas do cole varios obradoiros de scratch cando comezamos a introducirnos no mundo dos escornabots e da programación aló polo 2017.


    Para esta actividade escolleron o libro Fina e os mapas que está relacionado cunha actividade de xeolocalización que fixeran na biblioteca con Pablo Sanxiao que é o autor do libro.

    Neste libro Fina vai a visitar a súa avoa porque lle gusta moito que lle conte historias de cando estivo nas Américas e buscar despois información en internet sobre as cidades e os lugares dos que lle fala.



     Pero aquel día non había internet polo que a avoa ensínalle a Fina un atlas e explícalle como se facían os mapas antes: quen eran os cartógrafos, como recollían información, que debuxaban os mapas a man, que dependían de moita xente para completar os mapas...

     Cando chega á casa, Fina decide investigar máis sobre os mapas e descobre a actualidade da cartografía coa tecnoloxía dixital. Ao día seguinte vai a visitar á súa avoa e cóntalle que descubriu unha aplicación en internet que se chama Open street maps que é un programa de uso libre co que poden editar os mapas para completalos.
 
    E así é como elas se converten en cartógrafas xa que non podía ser que o centro de pilates ao que ía a avoa non aparecera nos mapas.


   Resúltalles tan interesante que pasan a tarde engandindo máis cousas ao mapa como a tenda de chuches, ou algúns camiños... e ata corrixiron algún erro.

   Finalmente Fina e a súa avoa convértense nunhas verdadeiras cartógrafas dixitais e anímannos a entrar na páxina web do proxecto openstreetmap.org para que todos poidamos empezar a engadir cousas facendo entre todos un mapa colaborativo do mundo moito máis completo.

   Para rematar Elías, Rocío e Antía estiveron en Radiuvín para que todos poidades coñecer completa a historia de Fina, a súa avoa e os mapas.
 
 
   Ademais doáronnos un exemplar do libro para a biblioteca xa que é un libro que non se pode mercar pois está editado grazas a unha subvención á Asociación Ghandalf para o fomento do uso de software libre en Galicia.

 MOITAS  GRAZAS  POR  VIR  A  PASAR  ESTE  RATIÑO  Á  BIBLIOTECA  E  TRAERNOS  ESTE  LIBRO  TAN  INTERESANTE!!
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario