Comezamos as actividades do ano 2026 coa familia da nosa alumna Leonor. Cristina, a súa nai, e Miguel, o seu pai, estiveron hoxe na biblioteca do colexio para compartir con nós o libro Vaia cabuxiño! escrito por El Hematocrítico.
Un conto con moito humor no que os personaxes non son o que parecen: nin o inocente Cabuxiño, é tan inocente; nin o Lobo Feroz, tan feroz. De feito, o Lobo Feroz é un cidadán respectable e responsable que coida do seu sobriño e rexenta unha xastraría.
Pero iso é agora, porque antes o Lobo non era así. Non era feliz. Só era feroz. Pois como se conta en todos os contos que coñecedes, os animais e os habitantes do bosque temíano porque era unha besta parda que comía todo canto se lle puxese diante: avoas, porcos, cabuxiños...
Aínda así, un día un pequeno cabuxiño que non tiña nada de medo do lobo enfrontouse a el con moito enxeño e conseguiu dárlle a volta ao conto.
Tan listo foi que el e os seus irmáns conseguiron todo o que quixeron sen poñerse en perigo en ningún momento: unha videoconsola, doces e zumes, unha piscina con trampolín... si, si... como o oídes... enganárono ben enganado!
Se queredes saber como fixo o cabuxiño para enganalo por se algunha vez vós tamén vos atopades cun Lobo Feroz, podedes escoitar todo o conto no seguinte podcast que gravaron en Radiuvín.
MOITAS GRAZAS AOS TRES POR VIR A CONTARNOS ESTE CONTO TAN DIVERTIDO!!

.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
No hay comentarios:
Publicar un comentario