viernes, 9 de enero de 2026

CLUB DE LECTURA (4 - 2025/2026)

     Hoxe dedicamos unha nova sesión ao libro Fábulas de Esopo, a antoloxía realizada por Jerry Pinkney.

   Para esta xuntanza, tiñamos que ler a parte central do libro. Delas o alumnado destacou "A cola do pavón" sobre a vaidade que nos ensinou que ás veces se presumimos moito, acabamos perdendo cousas realmente importantes; "A gansa dos ovos de ouro" sobre a importancia de non ser avariciosos; "O feixe de varas" sobre o valor de manter a familia unida ou "A raposa e o corvo" relacionada coa do pavón sobre desconfiar dos que nos adulan moito e nos fan a pelota.

   Houbo outras que lles resultaron máis graciosas como "O muiñeiro, o seu fillo e o burro"  que por facer tanto caso ao que din os demais tiveron un final que non esperaban ou "O caranguexo e a avoa" na que a avoa ten que dárlle a razón ao seu neto. Con todo, algunha que lles resultou máis complicada de entender como "Os ratos e as donicelas" que trata sobre a responsabilidade que deben ter aqueles que ostentan o poder.

   Ademais na última reunión deramos a posibilidade aos membros do grupo de realizar algunha das actividades propostas no propio libro e hoxe puidemos escoitar algunhas historias diferentes do que lle puido pasar ao rato de campo cando visitou ao rato da cidade, novas probas para que o Vento do Norte desafiase ao Sol ou un par de letras para as cancións que cantaría a cigarra no verán. Aquí deixamos mostra dunha delas a para cantar con ritmo de rap:


 Moitas grazas a todo o alumnado por esta sesión tan divertida. O próximo día, remataremos este libro!

No hay comentarios:

Publicar un comentario