miércoles, 25 de noviembre de 2026

25N DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO CON MARUXA

   Hoxe, 25 de novembro, é o Día contra a violencia de xénero. Para loitar contra ela, desde o colexio quixemos facer fincapé na importancia da igualdade entre xéneros a través do libro Maruxa de Eva Mejuto xa que nos vai perfecto co proxecto do pan que estamos realizando.

 
 
  Os biblioaxudantes comezaron explicándonos que neste conto, baseado na canción tradicional polaca "Maryna gotuj pierogi", Maruxa está farta de ter que facer todas as tarefas da casa ela soa mentres Pepiño se dedica a outras cousas como xogar co can, ler o xornal ou ver a televisión.


   Despois de reflexionar sobre o inxusta que era esta situación, léronnos o libro e así descubrimos que... aínda por riba Pepiño quería que Maruxa lle fixera pan!

     Pero Maruxa, que foi moi lista, conseguiu que Pepiño se implicara na elaboración do pan: tivo que ir buscar a fariña, a auga ao regato, o fermento para levedar e o sal ao mar... Ata que se deu conta do inxusto da situación e acabou amasando el mesmo o pan.

    A continuación fixemos unha actividade visual con pictogramas na que lle asignamos a Maruxa e a Pepiño as tarefas que facía cada un na casa e reflexionamos sobre como deberían repartilas nunha nova casa máis xusta e igualitaria.



   Tamén comentamos as ilustracións do propio libro nas que Maruxa e Pepiño fan todo entre os dous e... ata lles dá tempo de ir tomar un café!!
 


   Rematamos a actividade cunha receita de pan contra a violencia de xénero na que incluímos ingredientes como respecto, amor, xustiza, colaboración, empatía, tolerancia, igualdade, diálogo... e botamos ao lixo outros como maltrato, abuso, insultos ou ameazas.




   Lembrade que a loita contra a violencia de xénero comeza pola prevención e por construír relacións baseadas na igualdade e no respecto. Homes e mulleres somos iguais e, polo tanto, todos e todas podemos realizar as mesmas tarefas e compartir responsabilidades!!

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario