O día 24 de febreiro ás 12:00, no Panteón de Galegos Ilustres, celebrouse o tradicional
acto da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) polo Día de Rosalía de Castro. Ledicia Costas foi a encargada de
redactar e ler o manifesto no medio deste acto.
Manifesto polo Día de Rosalía
(Ledicia Costas)
Manifesto polo Día de Rosalía
(Ledicia Costas)
En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada,
clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía,
posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no S.XIX e vexo unha muller que se aferra ás
palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído
en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción
masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear
os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin
prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e
ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste
paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A
voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación
contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas!
A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza
do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece
por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega.
Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que
ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as
paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser
unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e
contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira,
barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico
anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias.
Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un
libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo.
RosalíaTe!
No hay comentarios:
Publicar un comentario