jueves, 30 de octubre de 2025

SAMAÍN 2025

 Como cada ano cando chega esta data, no colexio e na biblioteca facemos un montón de actividades para celebrar Halloween e Samaín.

  Comezamos coa exposición de todas as creacións artísticas terroríficas que trouxeron os nosos nenos e nenas das súas casas.


      Tamén colocamos no corredor principal unha selección de lecturas de medo para todas as idades coa intención de fomentar a lectura entre todo o alumnado.


   Ademais volvemos a convocar o certame de creación literaria no que lle demos ao alumnado o principio dun libro para que reinvente a historia; este ano os libros escollidos foron Os catro gatos de Archibaldo de Gaëlle Duhazé e O caderno de Roque de Carlos Taboada.

 
     Nas seguintes imaxes podedes ver aos participantes no certame e aos gañadores que nos leron os seus relatos na biblioteca. 
 
 




  Como remate final da xornada, celebramos unha festa no patio do colexio na que o pasamos xenial!



 SAÚDOS  TERRORÍFICOS!!
 
 

martes, 28 de octubre de 2025

NAVEGA, CARACOL

    O alumnado de Educación Infantil A estivo traballando na biblioteca co libro Navega, caracol! de Armando Quintero e André Letria

 
     Neste libro coñecemos a caracol que decide saír a pasear un día no que o sol se escondía tras unha nube gris.

    Paseando, paseando chegou a un regato e decidiu subirse a unha folla para botarse á auga a navegar. Durante o paseo nesa barca improvisada, caracol coñeceu a cinco rás que estaban cantando no medio do río: croá, croá, croá!

    Caracol púxose a cantar con elas e entre todos fixeron un coro moi divertido. Ao final, caracol tivo que volver á beira do regato pero coa felicidade de ter feito cinco novas e verdes amigas.

 

    Ás crianzas lles gustou tanto este conto que estivemos coloreando uns caracois e facendo outros con platilina.




   Tamén fixeron uns caracois móbiles para navegar nunha folla. Primeiro picaron as follas e pintaron os caracois.


Despois picaron os caracois e envolvéronos para darlle a súa forma particular.

    Por último pegamos unha cana á folla e un pauciño ao caracol, e así conseguimos uns caracois móbiles moi divertidos preparados para navegar en calquera regato.




 

 

sábado, 25 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS - COLECTIVO LEMOS LE

    Para conmemorar o Día das Bibliotecas; o Colectivo Lemos Le do que a nosa biblioteca forma parte, volveu a organizar un xantar de confraternidade no que nos reunimos persoas de todos os sectores relacionados coa cultura, a lectura e a educación da nosa comarca.

    Esta décimo primeira xuntanza celebrouse no noso Concello (Sober) baixo o lema proposto para este ano polo Ministerio de Cultura "Contra a desinformación: bibliotecas" que ten a intención de destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na loita contra a desinformación.

   Neste xantar unímonos mestres, bibliotecarios, librarías, editores, autores, xornalistas, responsables políticos... e, ademais de pasalo ben, este momento de convivencia e diálogo fixo que xurdiran novas ideas e iniciativas para seguir fomentando a lectura e as bibliotecas. 

   A modo de recordo deste día; desde a nosa biblioteca quixemos agasallar a todos os asistentes cun chaveiro gravado coa impresora láser.


    Ao rematar a comida, tomou a palabra Toño Vidal representante do Colectivo para dar grazas a todos os asistentes ao xantar. Especialmente a Manola Porto, xornalista de Onda Cero que sempre dá visibilidade ás nosas actividades e ás das bibliotecas da comarca, a Moncha Prieto por agasallarnos cun texto inédito e a Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, por acompañarnos e apoiarnos neste xantar.

   A continuación, puidemos escoitar ao alcalde de Sober que puxo de manifesto a importancia que desde o Concello se lle dá á dinamización da cultura e ao papel da Biblioteca Pública Municipal e da biblioteca do colexio.

   Ademais, como noutras ocasións, o colectivo editou un marcapáxinas para conmemorar o Día das Bibliotecas. Este ano o texto do marcapáxinas "O tesouro da miña avoa" (enlace ao texto) foi agasallo da escritora soberina Moncha Prieto, autora do libro Alma de Barro. Relatos da Ribeira Sacra que estivo no colexio fai uns días para responder diversas preguntas do alumnado de 5º e 6º (enlace á entrevista).

 No xantar, puidemos escoitar o pequeno relato na voz de Leticia Sáez, compañeira de club de lectura da propia autora. 


   Despois foi Moncha Prieto a que compartiu con nós outro relato seu: "Libros, camelias e as rosas da avoa". Un relato autobiográfico que nos levou ás lembranzas da súa infancia e que podedes ler no seguinte enlace.


   
    Para rematar, Mayte Gómez, autora do libro Mis dos «yos», tamén quixo compartir con nós un pequeno texto que escribiu para este día.

     E para seguir loitando contra a desinformación, despois deste xantar publicamos o primeiro número do xornal Lemos Le Novas que se estrea coa seguinte noticia: "Bibliotecarios, mestres, libreiros e outros axentes culturais reúnense en Sober para conmemorar o Día das Bibliotecas"

MOITAS  GRAZAS  A TODOS  OS  QUE  NOS  ACOMPAÑASTES  NESTA XUNTANZA!!

FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!


GALERÍA  DE  IMAXES
 

viernes, 24 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS

       O 24 de outubro é unha data moi importante para nós porque se conmemora o Día das Bibliotecas que este ano ten como lema: "Contra a desinformación: bibliotecas" coa finalidade de recoñecer o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na loita contra a desinformación a través da educación documental e da alfabetización informacional  do alumnado abordando o desenvolvemento das competencias e valores que favorezan o pensamento crítico.


   Para que ese papel das bibliotecas sexa realmente efectivo e real, comezamos facendo moitas actividades de formación de usuarios tanto en infantil como en primaria durante toda a semana para lembrar as normas da biblioteca, a CDU, a organización dos andeis, o significado das etiquetas dos libros...

   Pero como hoxe era un día de celebración, empezamos pola mañá entregando varios agasallos. Primeiro os agasallos aos nenos que participaron no Reto Lector do verán.

   Despois todo o alumnado recibiu un marcapáxinas conmemorativo do Día das Bibliotecas escrito por Moncha Prieto (autora do libro Alma de barro. Relatos da Ribeira Sacra) como agasallo para o Colectivo Lemos Le.

 O tesouro da miña avoa

  Cando entro na sección infantil dunha biblioteca, inevitablemente penso na ledicia que sentiría, nese mundo máxico, a nena que fun, a nena que non tiña libros, a nena que devecía por ler.

   A avoa non sabía escribir, tampouco ler, máis tiña un libro que a nena non descubrira. Un día, empurrada pola curiosidade, decidiu baixar á bodega, un lugar restrinxido para ela. Batéronlle os ollos cun nicho na parede de pedra. Rebuscou dentro, topou con el. Colleuno con reverencia culpable. Na portada, a foto dun home con sombreiro de ala ancha, bigote e anteface negro, o Coiote.

   Con aquela alfaia nas mans sentou enriba dun saco de carrolas e empezou a ler. Foi pasando as páxinas e, vaites! un billete de 25 pesetas agochado alí. Esfollou, foron aparecendo máis billetes de diferente valor, ata un de 500 pesetas que ela nunca vira, "o becerriño da Rubi", pensou.

   Amolada, devolveu o libro ao seu agocho. Non podía sacalo de alí. Estáballe prohibido. Aquel tesouro non era para ela. Ela o tesouro da súa avoa.

 FELIZ  DÍA  DAS  BIBLIOTECAS!!