viernes, 6 de marzo de 2026

AS FAMILIAS CONTAN: Familia de Aldán

     Hoxe tivemos na biblioteca unha nova sesión de As familias contan con Aldán e a súa nai Tamara que viñeron a compartir con nós o libro ¡Yo primero! de Míriam Tirado.

   Con este libro coñecemos a Lucas, un neno que quere ser sempre o primeiro en todo: en chamar ao ascensor, en falar na asamblea, en escoller xogo, nas carreiras... e iso provoca moitos conflitos e problemas coa súa irmá, cos seus pais e no colexio.

 

     Un día que estaba moi enfadado porque a súa irmá Claudia ía a probar un patinete antes que el pechouse na habitación e alí recibu a visita do seu pai e da fada dos volcáns.

   Ambos querían axudalo a sentirse mellor explicándolle que non é necesario competir por todo porque o importante é quererse tal como cada un é pois todos somos especiais. Pero ademais, cando o pai marchou, a fada tamén lle propuxo un reto: que pasaría se por un día non intentases ser o primeiro en todo?

   Lucas non estaba moi de acordo coa proposta da fada pero pensou que por probar un día non pasaba nada así que decidiu poñer en práctica o que a fada dos volcáns lle pedira. 

    Por iso ao día seguinte non correu para ser o primeiro en apretar o botón do ascensor nin para ser o primeiro no recreo, tampouco se adiantou aos seus compañeiros na asamblea e ao final do día decatouse de que non pasaba nada por non ser o primeiro, ou si? A verdade é que si, que o que pasara era que ninguén se enfadara e que a profe estaba moi orgullosa del.

     Se queredes escoitar todo o conto, podedes facelo no seguinte podcast que Tamara e Aldán gravaron en Radiuvín.

 
    Moitas grazas aos dous por compartir este libro tan interesante que nos ensinou a importancia de xestionar a frustración e de desenvolver a nosa autoestima entendendo que non é necesario ser o mellor nin o primeiro para ser especial.

 GALERÍA  DE  IMAXES

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario