Con motivo do desenvolvemento dun proxecto sobre o Universo, o alumnado de Educación Infantil fixo unha saída ao planetario do IES A Pinguela.
Alí, a mestra Ángeles López Pérez e o precursor do planetario, Matías Vázquez Yáñez recibíronnos e explicáronnos moitísimas cousas interesantes.
Eles faláronnos do Sistema Solar e dos planetas co visionado dun vídeo no que saían os catro planetas maís próximos ao Sol e algúns datos importantes sobre eles, como que Mercurio é o planeta máis pequeno ou que Venus está sempre nubrado.
Nese vídeo tamén se falaba dos asteroides que en ocasións chocan e se desfán en pedazos máis pequenos e outras veces únense chegando a crear planetas ananos, como Ceres.
.
Despois Matías explicounos moitas cousas sobre as estrelas e as contelacións e mostrounos como se ve o ceo nesta época do ano, xa que dependendo da estación podemos ver unhas constelacións ou outras.
Ademais tiñan preparadas para nós unha fichas de constelacións para completar con gomets de estrelas.
Encantounos facelas!
Finalmente faláronnos dos eclipses e aprendemos que hai dous tipos, que para poder velos hai que empregar unhas gafas especiais e que haberá un eclipse solar o 12 de agosto que ademais, dende onde vivimos, se verá con totalidade.
E para que nos resultase máis doado entender o que é un eclipse deixáronnos uns diagramas realizados por alumnos de 1º de ESO.
Por último deixamos o noso agradecemento cun agasallo e coas nosas firmas.
Xa cando marchábamos agasalláronnos cuns briks de leite que cada alumno levou para súa casa. Moitísimas grazas por todo!
Foi unha visita incrible. Oxalá poidamos volver outro día!














No hay comentarios:
Publicar un comentario